Site icon Crónica3.com A Mariña

Kepa Junkera, unha homenaxe ó Mariscal, a chegada dos cabalos e as voces da Paula: protagonistas das San Lucas 2014

kepa-junkeraMondoñedo, 8 de outubro. O concerto de fin de xira do músico bilbaíno Kepa Junkera, a homenaxe ó Mariscal Pardo de Cela, a chegada tradicional dos cabalos á Praza da Catedral e o espectáculo musical realizado por mindonienses, Voces da Paula, son os protagonistas das San Lucas 2014 de Mondoñedo.

As San Lucas unha das feiras máis antigas de España e de Europa, datan do ano 1156, celebran este ano a súa 858 edición, arrancan este ano o xoves 16 de outubro coa recepción oficial na Casa da Concello ó pregoeiro, o profesor e estudoso de Pardo de Cela Antón Meilán, e outras autoridades. Posteriormente, ás 20.00 horas, realizarase unha ofrenda floral ante a tumba do Mariscal Pardo de Cela na Catedral.

No Auditorio Municipal Pascual Veiga, terá lugar unha lectura dramatizada da obra “PEDRO E CONSTANZA” que narra as derradeiras horas do Mariscal coa súa filla Constanza, en homenaxe ao Mariscal Pardo de Cela. A peza, escrita, dirixida e interpretada polo actor e director teatral, Manuel Lourenzo, está codirixida por Xosé Martínez e interpretada por Bego Lomba. A continuación, terá lugar o pregón das festas a cargo do mindoniense Antonio J. Meilán García, Licenciado en Filoloxía Románica, Profesor Titular de Lingua Española na Universidade de Oviedo, autor, entre outros, dos libros “O Mito do Mariscal Pardo de Cela: historia , lendas e literatura” ou “O Último ano do Mariscal Pedro Pardo de Cela: O cerco e a traizón da frouseira”.

O venres 17 de outubro ten lugar a tradicional chegada dos cabalos polas rúas da cidade, ata feira, e pasarán pola praza da Catedral de Mondoñedo. Este ano a Comisión de festas preparou un espectáculo especial, en colaboración coa Fundación TIC, xa que será retransmitida a través dunha pantalla xigante situada na Praza da Catedral. Os gandeiros xuntan os cabalos que estiveron todo ano pacendo nos montes da comarca e nunha manada tráenos para a feira. O paso dos cabalos pola Praza da Catedral está previsto para as 18.40 horas; aínda que tamén pasarán pola Ponte do Pasatempo, Os Muíños, a rúa San Roque e a Fonte Vella antes de chegar á praza da Catedral. Despois continuarán ata o Campo da Feira pasando por diante do auditorio municipal.

Xa pola noite, a mesma Praza da Catedral será o escenario da gran Festa da Mocidade co Fin da Xira oficial EME MUSIC-RADIO LÍDER con Marcos Magán, DJ Sonic e DJ Charlie.

O día grande
E o sábado 18 de outubro, a partir das 08.00 horas, desenvolveranse a “GRAN FEIRA TRADICIONAL DE GANDO CABALAR AS SAN LUCAS” no Campo dos Paxariños. Ademais, o Concello acolle a Recepción oficial no salón de Plenos á Corporación do Excmo. Concello de Ferrol con motivo do Acto de Irmandade.

Posteriormente, ás 12.30 horas presentarase o novo libro do escritor e xornalista Ramón Loureiro “La Oruga en el Bosque Creciente” con ilustracións de Antonio Seijas. E ás 13.30 horas entregaranse os premios do Concurso de Gando no Campo da Feira.

Xa pola tarde, ás 16.30 horas, comeza o ENCONTRO FOLCLÓRICO polas principais rúas de Mondoñedo coa participación das agrupacións: “ARCO DA VELLA” de San Miguel; “A.C. OSORIO GUTIÉRREZ” de Lourenzá; “ANTARUXAS E SORTEIROS” de A Fonsagrada” e a “BANDA DE GAITES DE CORVERA”. Finalmente, todos confluirán na Praza da Catedral para realizar unha actuación conxunta.

Ademais haberá carreiras de andadura galega serrada e chapeada no Recinto de A Granxa. E ás 20.30 horas, o humorista David Amor ofrecerá un monólogo no Auditorio Municipal Pascual Veiga cun prezo da entrada de 3 euros.

A actuación estelar deste día corre a cargo do músico bilbaíno KEPA JUNKERA que finaliza a súa xira na cidade de Álvaro Cunqueiro onde presentará o seu último traballo “Galiza”: un espectacular traballo en tódolos sentidos. A cita é ás 23.00 horas na Praza da Catedral con entrada de balde.

Domingo e máis cabalos
O cabalo será o protagonista do domingo 19 de outubro. Haberá CONCURSO MORFOLÓXICO DE CABALOS E EGUAS DE PURA RAZA GALEGA: “GRAN FINAL DA COPA GALICIA P.R.G.”. (Cabalos e Eguas de Pura Raza Galega) no Campo da Feira coa colaboración da Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

Ás 17.00 horas, no recinto de A Granxa, ESPECTÁCULO DE DOMA CON CABALO DE PURA RAZA GALEGA “GALICIA UN SOÑO A CABALO”, e ás 18.15 horas III CONCURSO DE CABALOS TROTÓNS “As San Lucas”.

A comisión de festas das San Lucas ten preparado máis de 7.000 euros en premios para a feira de gando e os concursos que se desenvolven nestas feiras.

Pablo López
A cita musical do día corre a cargo do cantante revelación 2014, PABLO LÓPEZ, presentando o disco “11 historias e un piano” no auditorio Municipal Pascual Veiga. Venda electrónica de entradas a través do portal http://entradas.abanca.com.

E, para pechar as San Lucas 2014, o luns 20 terá lugar un espectáculo musical moi especial a partir das 22.00 horas na Alameda dos Remedios coa GALA “VOCES DA PAULA”, feita por mindonienses.

Exit mobile version