Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 350 alumnos de centros educativos da Mariña participaron nas actividades do parque infantil de tráfico de Foz no curso 13/14

parque-trafico-fozFoz, 24 de outubro de 2014. Máis de 350 alumnos pertencentes a varios centros educativos da Mariña participaron nas actividades que se desenvolveron no parque infantil de tráfico de Foz durante o curso 2013-2014. Deuno a coñecer hoxe o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, quen gabou o traballo que realiza a Policía Local nesa instalación, a única deste tipo que hai na Mariña.

“No informe de actividades da Policía Local de Foz realizadas no curso 2013-2014 figuran uns datos moi bos sobre actividades de formación para os rapaces: máis de 350 alumnos de centros da Mariña recibiron clases teóricas e prácticas impartidas polos axentes de Foz no parque de tráfico focense, que é o único que hai na Mariña e un dos poucos de Galicia. Está servindo á Policía Local de Foz para traballar nun dos obxectivos máis importantes que ten, como é educar en cuestións relacionadas co tráfico e a seguridade vial e facelo cos máis pequenos para que eles contribúan a que se mellore a conciencia cívica e a conduta de todos os cidadáns sobre o tráfico e a seguridade viaria”, explicou o rexedor municipal.

Javier Castiñeira engadiu que “dende o Concello de Foz queremos darlle os parabéns ao xefe da Policía Local e aos oito axentes máis que participan nestas actividades formativas”.

Ademais o alcalde anunciou que “ábrese de novo a campaña escolar e todos os centros educativos da Mariña e doutros lugares da provincia de Lugo que desexen ter cos seus alumnos unhas horas de clases sobre tráfico neste parque de Foz poden solicitalo no Concello de Foz contactando coa Policía Local”.

Precaución durante os temporais
O rexedor municipal focense tamén comentou que “dende a Policía Local, unha vez entrado o outono e comezada a época de temporais, queremos advertir a todos aqueles viandantes que fan uso dos paseos do noso concello que teñan moitísimo coidado e que sexan moi prudentes. O inverno pasado tivemos a desgraza de que falecera un veciño de Foz, do que todos nos acordamos. E facemos estas advertencias para que non subestimemos o mar, sobre todo cando hai temporais. É moi bonito dar paseos pola costa e ver a forza do mar, pero hai que ser moi prudentes. Tamén aquela xente que ven pescar á costa de Foz, que son moitos porque é moi accesible, deben ser moi prudentes porque o mal tempo pode traernos algún desgusto”.

Exit mobile version