Site icon Crónica3.com A Mariña

Martínez: “Ano tras ano, e xa van 5, Feijóo abandona, discrimina e maltrata á provincia. Xa non ten credibilidade”

O voceiro socialista do Goberno Provincial, Manuel Martínez, valorou este venres os orzamentos da Xunta para o vindeiro 2015. “Consideramos que son uns presupostos continuístas, de publicidade e propaganda, que só buscan o rédito electoral, pois limítanse a recoller actuacións que foron prometidas por Feijóo unha e outra vez, ano tras ano, dende que chegou á Presidencia da Xunta, sen que fixera absolutamente nada para levalas adiante”, asegurou Martínez. “Ano tras ano, e xa van 5, Feijóo abandona, discrimina e maltrata á provincia luguesa. Feijóo xa non ten credibilidade”, subliñou.

“Os intereses dos lugueses están á marxe dos de Feijóo”, destacou o Deputado, quen recordou as actuacións non acometidas que a Xunta leva prometido en Lugo. O Hospital de Lugo segue sen Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica as 24 horas, “mentres a Xunta ten paralizada a ponencia sobre a Iniciativa Lexislativa Popular que avalaron máis de 43.000 persoas e mentres 1.200 lucenses teñen que percorrer a chamada Ruta do Cancro para recibir tratamentos oncolóxicos na Coruña”, destacou o voceiro.

“A ampliación do Hospital da Costa non estará rematada ata dentro de 7 ou 9 anos ao ritmo inversor que prevé a Xunta, a pesar dos fogos de artificio que está a lanzar Balseiro e compañía. O mesmo ocorre coa Vía de Alta Capacidade da Costa e co corredor de Monforte. Do AVE de Lugo nada se sabe, a pesar da promesa electoral de Feijóo no 2009. A Xunta tampouco fixo nin o máis mínimo no Cuartel de San Fernando, o Plan Paradai, a Ronda Leste, o Auditorio de Lugo ou a antiga residencia”, asegurou Martínez.

“Todo isto súmase ao total abandono da Xunta dos sectores produtivos estratéxicos da provincia, como a agricultura, a pesca ou o turismo. Só a aportación da Consellería do Medio Rural baixa o vindeiro ano en preto de 35 millóns de euros”, engadiu.

Exit mobile version