Site icon Crónica3.com A Mariña

Mayra García considera que o anuncio de que o Hospital tratará con quimioterapia antes de finais de ano é “unha estratexia electoralista”

A MARIÑA, 31 DE OUTUBRO DE 2014.- A coordinadora comarcal da Mariña –Mayra García-, subliña que o anuncio dos deputados autonómicos do PP sobre a implantación do servizo de quimioterapia antes de finais de ano é “unha estratexia electoralista”. Por este motivo esixe ao Partido Popular que concrete con cantos oncólogos vai contar o centro, así como se se van tratar todos os tipos de cancro porque, dependendo duns e outros, “non nos van a evitar desprazamentos”. Por tanto, engade, “estas preguntas que dende o PSOE non facemos deberían de ter resposta antes de facer estes anuncios, pois detrás deles hai unha clara intención de enganar aos mariñáns unha vez máis, porque a sanidade pública aos Gobernos do PP non lles interesa, xa que foron eles os que decidiron desmantelar e privar de autonomía ó noso hospital”, subraia.

Para a socialista, “a carteira de prestacións públicas do noso Hospital non se amplía infradotando distintos servizos, senón cumprindo os compromisos”. E é que o hospital oncolóxico de día “lévano anunciando dende que se aprobou a área de xestión integrada, pero a realidade é que cada día uns 100 mariñáns viaxan periodicamente a Lugo para recibir tratamentos de quimioterapia ou ata a Coruña se precisan tamén radioterapia”.

A Consellería non se pronuncia
Neste senso, a coordinadora comarcal, e tendo en conta que foron os deputados os que se fixeron eco da nova, de tal xeito que a Consellería non se pronunciou ao respecto, considera que “a política do PP baséase en facer anuncios, pero o que queremos son feitos que contribúan a garantir unha Sanidade pública e de calidade”. E é que esta forma de actuar, destaca, é a mesma que cando se anunciou a hospitalización a domicilio para a Mariña. Neste caso, os populares aproveitaron un gran momento de tensión dos usuarios e dos profesionais debido a todos os recortes e privatizacións dos Gobernos do Partido Popular para publicitar un novo equipo en poucos meses, pois cunha soa unidade era difícil prestar un servizo eficaz para toda a comarca dada a distribución xeográfica e demográfica da Mariña. “A día de hoxe seguimos esperando pola segunda unidade. Agardamos que non aconteza o mesmo coa quimioterapia”, conclúe.

Exit mobile version