Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente executa en 2014 10 actuacións de mellora das estradas da provincia

Santiago, 4 de outubro de 2014.- A Xunta de Galicia finalizou ao longo deste ano actuacións de rehabilitación de firmes e mellora en varios treitos de diversas estradas da rede autonómica que suman 100 quilómetros na provincia de Lugo, por un importe de máis de dous millóns de euros. Entre as obras executadas ata setembro, atópase o reforzo de firme localizado en varios treitos da estrada Lugo-A Fonsagrada (LU-530), así coma o reforzo executado no entorno do enlace de Arneiro na estrada Vilalba – Paraxes (LU-120).

Nos próximos meses, iniciaranse cinco novas actuacións, coas que se mellorarán outros 59 quilómetros de estradas e nos que a Axencia Galega de Infraestruturas investirá 2,9 millóns de euros. Entre as actuacións que se iniciarán nas vindeiras semanas poden destacarse o reforzo de firme localizado no treito entre Mondoñedo-Enlace A8 (LU-124) ou o do corredor CG-2.1 entre Monforte e Escairón, que está previsto iniciar nos vindeiros días.

Así, o investimento para as actuacións en materia de conservación extraordinaria na provincia de Lugo neste ano supera os 5 millóns de euros. Na seguinte táboa resúmense o estados das actuacións e o importe que suman:

 

ACTUACIÓNS

LUGO

Nº ACTUACIÓNS

Orzamento

Rematadas

5

2.133.327,82 €

Pendentes inicio

5

   2.892.834,33 €

TOTAL

10

     5.026.162,15 €

 

Rede de estradas autonómicas

As actuacións de conservación extraordinaria en materia de rehabilitación de firmes e mellora nas estradas de titularidade autonómica contan este ano cun orzamento próximo aos 24 millóns de euros e preto do 80% xa están rematadas ou en execución. No que vai de ano, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas rematou un total de 28 obras e 14 atópanse na actualidade en execución.

No capítulo de actuacións rematadas, destaca o reforzo de firme localizado en varios treitos da Lugo-A Fonsagrada (LU-530), por ser a actuación na que se reforzan máis quilómetros (57,2) ou o reforzo de firme do vial A Medorra-A Derrasa (OU-537) con mesturas antifisuras e mellora con caucho por treitos, que é a actuación con maior investimento con case 700.000 euros (698.203). Na provincia da Coruña, destacan as reparacións na Ponte Nafonso (AC-196) e da ponte sobre o río Maior (AC-550), así como a estabilización dos noiros na mesma estrada AC-550 ao seu paso por Muros, onde se rexistraron desprendementos por mor das choivas rexistradas.

En relación coas obras que están en execución, salientan os reforzos de firmes localizados en varias estradas da zona do Baixo Miño, que veñen de comezar esta mesma semana e suman máis de 60 quilómetros. Nestas actuacións de rehabilitación e mellora de firmes tamén se inclúe a reforma de interseccións, como é o caso da intersección en Xinzo de Limia, no pk 0+770 da Xinzo-Bande (OU-301) ou a mellora da travesía da Laracha.

No que resta de ano, ademais de rematar as obras que están en marcha, está previsto iniciar outras 13 novas actuacións, que se traducen nun investimento de 6 millóns máis. Entre as actuacións que se van executar atópase, entre outras, o reforzo de firme localizado no treito entre Mondoñedo-Enlace A8 (LU-124), a ampliación de estrutura e beirarrúas en Redondela, no punto quilométrico 0+160 da estrada Redondela-Forzáns (PO-250), ou a rehabilitación do firme de varios treitos de estradas coruñesas coma a comunica Valdoviño e Cedeira (AC-566).

Estes proxectos supoñen un bo exemplo da prioridade estratéxica da Xunta en materia de conservación e de mellora das infraestruturas, que incide no aumento da seguridade viaria.

Cómpre destacar que a estas actuacións hai que engadir os traballos que se executan a cargo dos contratos de conservación integral, que no ano 2014 supoñen un investimento de máis de 27 millóns de euros. Son un total de sete contratos para cubrir as necesidades da totalidade da rede viaria da Xunta de Galicia.

Exit mobile version