Site icon Crónica3.com A Mariña

Novas actividades escolares e extraescolares da Rede Museística para os vindeiros meses

O refectorio do Museo Provincial de Lugo foi escenario este xoves da presentación das actividades escolares e extraescolares que acolleron os centros da Rede Museística da Deputación de Lugo nos vindeiros meses. Ao acto asistiron o responsábel da área de Cultura e Turismo, o nacionalista Mario Outeiro; e Encarna Lago, xerente da Rede Museística de Lugo; e Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo. Nesta rede están integrados a sala luguesa; o Museo-Fortaleza San Paio de Narla, en Friol; o Museo Provincial do Mar, en San Cibrao (Cervo); e o Museo Pazo de Tor, en Monforte de Lemos.

No caso das actividades escolares abranguerán todo o curso académico 2014/2015 e o obxectivo dos reitores da Rede Museística é “seguir ofrecéndolle á comunidade escolar un programa pensado para todas as etapas educativas, coa pretensión de darlles unhas experiencias didácticas que teñen como fin último coñecer, comprender, valorar e gozar das coleccións e espazos que conforman parte do patrimonio histórico artístico e cultural da provincia de Lugo”, sinalou Mario Outeiro. Todas as actividades foron deseñadas polos departamentos de didáctica dos distintos museos e con este programa tamén se busca que estas salas sexan un vehículo motivador para o coñecemento entre os nenos e rapaces.

O responsábel da área de Cultura do organismo provincial explicou tamén que “dende a Rede Museística, en sintonía coas novas formulacións da museoloxía social, seguimos apostando por un modelo didáctico que pon en valor a aprendizaxe activa, participativa e emocional, creando en cada visita unha experiencia vivencial, agradable e memorable”, apuntou Outeiro.

Catro bloques temáticos nas actividades escolares
A oferta dirixida aos centros educativos divídese en catro grandes bloques temáticos, que son complementarios uns cos outros e perseguen construír un auténtico corpus estrutural. En cada un destes bloques desenvolverase un ou varios obradoiros dirixidos a distintos grupos de idade, dende os máis pequenos da Educación Primaria ata o Bacharelato, incluíndo tamén os dous ciclos da ESO. O primeiro bloque, ‘Crea o teu museo’, ten como meta amosarlle aos rapaces e rapazas que é un museo. No segundo, ‘O museo como relator de historias’, buscarán implicar a todas as seccións dos diversos museos susceptibles de ser visitadas, entendendo o museo como relator de historias.

O terceiro bloque, ‘O museo como retrovisor histórico’, persegue capacitar ao alumnado para interpretar vestixios do pasado e analizar a súa importancia no desenvolvemento da nosa cultura. Finalmente, o cuarto bloque, ‘Viaxes polo museo da Rede’, ofrecerá distintas visitas e obradoiros en cada un dos catro centros da Rede Museística da Deputación de Lugo.

Concertación de visitas
Desde a administración da Rede Museística sinalaron que para concertar as visitas dos centros educativos será imprescindible que o mesmo profesorado que veña visitar o museo co grupo de alumnado sexa o que contacte directamente co persoal de Didáctica dos catro museos, para así poder manter unha conversa sobre o tipo de visita que se quere levar a cabo, tendo en conta as características do grupo e o bloque temático da programación. Os teléfonos de contacto son os seguintes: 982 242 300, ext 31 (Museo Provincial de Lugo), 982 594 572 (Museo Provincial do Mar), 982 375 156 (Museo-Fortaleza San Paio de Narla) e 982 165 534 (Museo Pazo de Tor).

Actividades extraescolares
Por outra banda tamén se presentaron as actividades extraescolares que se levarán a cabo neste trimestre, entre o presente mes de outubro e o de decembro. O Club Pequeamig@s e o Club Sénior da Rede Museística prepararon un programa con novos e varios obradoiros cos que “fornecer de novas e satisfactorias experiencias pedagóxicas a todos os asistentes co ánimo de fomentar a creatividade e o coñecemento a través da participación, da colaboración e da emoción”, destacou Encarna Lago.

No caso do Club Pequeami@s, os obradoiros de creatividade desenvolveranse no Museo Provincial de Lugo os luns e mércores, de 18 a 19:30 horas, e os sábados, de 11 a 12 horas e de 12:30 a 13:30 horas. Mentres, os obradoiros de emoción-arte terán lugar os martes, de 18 a 19:30 horas os días 4, 11, 18 e 25 de novembro, e o 2, 9 e 16 de decembro. Así mesmo, os chamados Domingos de Creatividade terán lugar, entre as 12 e as 13:30 horas o 26 outubro; o 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro; e o 14 e 21 de decembro.

En canto ao Club Sénior, dirixidos aos maiores de 55 anos, os obradoiros de emoción-arte celebraranse os martes (4, 11, 18 e 25 de novembro, e 2, 9 e 16 de decembro), de 19.30 a 20.30 horas; os de Contar a Vida serán os mércores 5, 12, 19 e 26 de novembro, de 17:30 a 19:30 horas; e os de Creatividade desenvolverase os xoves (23 e 30 de outubro; 6, 13, 20 e 27 de novembro; e 4, 11 e 18 de decembro), de 17:30 a 19:30 horas. Nos outros tres centros da Rede desenvolveranse os sábados a partir das seis da tarde.

Finalmente, no Club Ei!, pensados para os maiores de 16 anos, levarase a cabo un obradoiro os martes 21 de outubro, 11 e 25 de novembro, e 16 de decembro, en horario de 18 a 19:30 horas.

Visitas guiadas breves
Os departamentos de didáctica dos museos tamén ofertas ‘tapas’, visitas guiadas breves, todos os domingos a partir das 12.30 horas, pensadas especialmente para interesados en coñecer os fondos dos museos da Rede Museística. É preciso concertar cita previamente no museo correspondente.

Prazo de inscrición
O prazo de inscrición para todos os obradoiros e cursos estará aberto do luns 13 ao domingo 19 de outubro, de luns a venres, de 9 a 14:30 horas; sábado, de 10:30 a 14 horas e de 16:30 a 20 horas; e domingos, de 11 a 14 horas. Na matrícula poderán sinalarse varias opcións e a reserva de prazas farase por estrita orde de inscrición, sendo obrigatoria a sinatura e presentación das mesmas no departamento de didáctica do Museo Provincial de Lugo.

Exit mobile version