Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Riotorto denuncia as “deficiencias” na prestación de servizos médicos no municipio

Riotorto, 31 de outubro de 2014. Unha ausencia do único médico que hai actualmente no centro de saúde de Riotorto obrigou a que unha urxencia ocorrida na localidade tivera que ser atendida por facultativos da Pontenova, que ademais non dispoñían de medios de transporte para desprazarse. Este feito foi denunciado polo alcalde, Federico Gutiérrez Estoa, que pon esta situación como exemplo das deficiencias na prestación de servizos médicos que hai no municipio.

O rexedor explicou o ocorrido: “producíronse uns feitos en Riotorto que son consecuencia da situación que estamos vivindo de non cobertura dunha das dúas prazas de facultativo no centro de saúde. Agora mesmo só está cuberta unha polo seu médico titular, mentres que a outra praza non, ao marcharse a persoa que a ocupaba e ao atoparse sen resolver o concurso de traslados. Este mércores pasou un caso grave, pois houbo unha urxencia e non se atopaba no centro de saúde o médico titular, polo que houbo que chamar ao 061, que desprazou unha ambulancia sen médico, pero para atender esta urxencia sanitaria había que entrar nunha casa que estaba pechada. Polo tanto houbo que chamar á Garda Civil e tamén buscar un médico para intervir alí, in situ. O 061 non deu resolto esta situación e deuse a circunstancia de que a asistenta social do Concello tivo que desprazarse á veciña localidade da Pontenova a buscar a un médico e a unha ATS para que se desprazasen a Riotorto a cubrir esta urxencia. Posteriormente tivo que acompañalos ata o PAC de Meira, ao que pertence Riotorto, e despois levalos de volta ata A Pontenova, rematando todo isto ás catro e media da tarde, xa fóra do seu horario laboral. Estamos avaliando dende o Concello incluso reclamarlle os gastos derivados desta actuación á Consellería de Sanidade”.

Federico Gutiérrez rematou comentando que “esta é unha proba máis do que vimos denunciando: a situación de deficiencias na prestación de servizos médicos que temos en Riotorto”.

Exit mobile version