Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG comarcal cre que o PP usa criterios electorais nos investimentos previstos pola Xunta para 2015

A Mariña, 21 de outubro de 2014.- O BNG mariñao fixo unha valoración de urxencia sobre o os orzamentos da Xunta para 2014 afirmando que o goberno galego elaborou uns orzamentos con fins puramente electorais que tratan de tapar con parches os compromisos incumpridos dos últimos anos. Claro exemplo desta folla de ruta é o millón de euros previsto para o Hospital da Costa e as previsións para os próximos dous anos que non permitirán o remate desta actuación antes de seis ou sete anos mentres a comarca perde autonomía de xestión, persoal sanitario e calidade asistencial tanto en asistencia primaria como en especializada en beneficio de Lugo.

A portavoz comarcal nacionalista, Ana Ermida Igrexas, explicou que é unha realidade incuestionábel, “o abandono da comarca non se soluciona con parches de ladrillo e formigón colocados en función dos intereses partidistas do PP”.
Para a nacionalista os orzamentos non solucionan os grandes problemas da comarca e están dirixidos a servir aos intereses electorais do PP nas próximas eleccións municipais. Neste sentido situou a partida consignada para a VAP da Costa entre San Cibrao e Celeiro, “un tramo que nace morto ao non ter continuidade cara o occidente da comarca polos retrasos na execución do tramo estatal e tampouco cara Ferrol, porque o PP paralizou a variante de Viveiro para ter unha escusa que evite cumprir o prometido remate deste viario ate Ferrol antes de 2017.”

Na mesma liña considerou que “as promesas de Feijoo sobre a ampliación do Hospital da Costa quédanse en anuncios sen continuidade nin consecuencias prácticas”, “o millón de euros previsto para 2015 e as previsións para os próximos dous anos fan que o remate desta actuación non se prevea antes de seis ou sete anos, mentres a comarca segue perdendo autonomía de xestión sanitaria, persoal sanitario e calidade asistencial tanto en especializada como en primaria en beneficio de Lugo”.

A nacionalista cualificou as valoracións dos dirixentes do PP na comarca de “sobre actuación eufórica” cando son reponsábeis por acción e omisión de non defender ante o seu partido a importancia cualitativa e cuantitativa da Mariña no ámbito socioeconómico e demográfico. Neste sentido especificou que o Partido Popular garantiu que a creación da área de Xestión Integrada con dirección en Lugo permitiría manter competencias á Mariña “en recursos económicos, recursos humanos, infraestruturas e prestación de servizos, tanto no Hospital da Costa como nos centros de saúde da área sanitaria mariñá(Pilar Farjas 12/05/2010)”, cando a realidade di todo o contrario porque actualmente a xerencia executiva do Hospital da Costa convertérona en simple transmisora das ordes emitidas desde a xerencia provincial.

Exit mobile version