Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros critica que o alcalde diga que a situación económica do Concello é boa mentres despide traballadores “por causas económicas”

Barreiros, 8 de outubro de 2014. O BNG pregunta como é posible xustificar a realización da comida de maiores na melloría económica do concello cando no mes de agosto extinguen un contrato de traballo por causas económicas.

“É cando menos curioso que o alcalde diga que a situación económica do concello é boa cando nunha xunta de goberno do 14 de agosto deste mesmo ano se acorda extinguir o contrato de traballo dunha persoa do concello por causas económicas”, sinala a portavoz municipal Ana Ermida. No propio acordo da xunta de goberno recóllese literalmente que “dentro das causas de extinción do contrato por causas obxectivas están as causas económicas, que no concello de Barreiros son claras e notorias nos últimos anos e que obrigan a seguir tomando medidas deste tipo”.

Con isto na man, desde o BNG non dubidan en calificar as palabras de Alfonso Fuente como “unha inmensa mentira coa que pretende calar as voces críticas que cuestionan a celebración desta comida xusto antes das municipais.”

“É ben sabido que o Partido Popular en Barreiros non ten escrúpulos á hora de utilizar os medios do concello para facer a súa campaña electoral. Xa o fixo nalgún tempo con contratacións indiscriminadas e agora pretende facelo comprando as vontades das persoas maiores a cambio dunha comida”, aseguran os nacionalistas.

Desde o BNG lamentan que o PP teña en tan pouca estima ás veciñas e veciños de Barreiros e pense que con unha comida anual vai tapar a súa xestión que está obrigando ás e aos barreirenses a pagar máis por todos os servizos.

A portavoz municipal tamén sinala que “é unha pena que o único que se lle ocorra ao goberno municipal para fomentar a convivencia das persoas maiores e a relación entre elas é celebrar unha comida anual, en lugar de apostar por unha programación estable que non tería porque conlevar nin o custe económico que leva este xantar.”

Desde o BNG insisten en que “na situación actual é absolutamente impresentable que se gasten 8.000€ nun xantar que poderían destinarse a outras cuestións máis importantes para a xente. O que demostra isto é, unha vez máis, a improvisación e a falta de proxecto coa que se goberna en Barreiros.”

Exit mobile version