Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela reitera que “o alcalde debe dar explicacións e tomar medidas en relación aos verquidos realizados na explanada portuaria do Berbés”

O portavoz municipal do BNG, Mario Pillado, rexistrou este xoves unha serie de preguntas para que o alcalde dea explicacións claras en relación ás actuacións levadas a cabo na rede de sumidoiros e colectores de Burela. Os nacionalistas alertaban onte do xeito en que se están a realizar os labores de limpeza dos sumidoiros e colectores na Rúa do Porto e na zona de Torrentes e Suafonte, pois os camións bomba verqueron a enxurrada e residuos recollidos na explanda portuaria do Berbés.

O portavoz do BNG, considera que “feitos como estes non se poden permitir por parte dos poderes públicos e que o alcalde debe actuar de inmediato”. Pillado engadiu que “se xa son graves estes feitos por si mesmos, máis graves son aínda as declaracións do Sr. González Barcia ao confirmar que se realizaron os verquidos sen anunciar ningunha medida para corrixir esta situación. Para o Sr. Barcia o normal é que se deposite a enxurrada recollida nunha explanada do porto, sen contar para iso con ningún contedor especial para este tipo de residuos nin se adopten outro tipo de medidas”.

Segundo os nacionalistas, “a urxencia non xustifica o xeito irresponsable en que se están a desenvolver os traballos de limpeza e o Concello debe exixir rigor e cumprimento da normativa”. O BNG vai requerir ao Concello a documentación na que se autorizan estes verquidos e chegado o momento pedirá tamén as responsabilidades oportunas.

O BNG ve improvisación e falta de rigor nas actuacións do Goberno Municipal do PP
Resulta sintomático que o concelleiro de Obras, o Sr. Fernández Valle aínda non dese ningún tipo de explicación a este respecto, mentres que o Sr. González Barcia se dedica a botar balóns fóra como se aquí non pasase nada, o que demostra unha falta de rigor e improvisación absoluta por parte do equipo de goberno.

O BNG vai continuar co seu traballo de defensa do interese xeral, no seu labor de oposición seria e responsable, como ven facendo nestes tres últimos anos, realizando propostas concretas que redunden no beneficio xeral dos veciños e veciñas de Burela e facendo un control exhaustivo da acción do Goberno Municipal.

Exit mobile version