Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo vota en contra dos orzamentos para 2015 por “servir unicamente ós intereses electorais e persoais do grupo de goberno”

Cervo, 17 de outubro de 2014. O BNG de Cervo votou en contra do expediente orzamentario para 2015 debatido na tarde deste xoves no pleno municipal. A formación nacionalista argumentou que o goberno local non define nos orzamentos unha estratexia para combater o desemprego e apostar pola dinamización económica, nin tan sequera serven de colchón para aquelas persoas e familias que sofren diariamente para resistir situacións económicas complicadas. Pola conta, o Partido Popular no goberno local definiu uns orzamentos con único fin de servir ao intereses partidistas nun ano que vai ser electoral e a intereses persoais do grupo de goberno.

O portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa, negou que a redución da débeda do concello, neste momento situada en 2,63 millóns de euros, sexa froito da xestión do grupo de goberno senón dos sucesivos planes de axuste forzados polo goberno do Estado que obrigaron a apertar o cinto e a incrementar a presión fiscal sobre a cidadanía nos últimos tres anos. Neste sentido pediulle ao goberno local que non lle faga trampas á xente, dicir que o concello non incrementará taxas e impostos municipais por iniciativa propia é falsear a realidade, xa que de aplicarse as actualizacións de acordo co IPC, a presión fiscal debería reducirse.

Estúa denunciou que a partida destinada a emerxencia social leva dous anos sen tocarse e o concello deriva situacións de emerxencia a ONGs, neste sentido pediu o seu incremento e que se aprobe un regulamento con parámetros elaborados polos servizos sociais municipais que permitan con transparencia e igualdade o acceso a estas axudas das persoas mais necesitadas. En materia de servizos sociais tamén demandou acelerar as resolucións das listas de agarda para recibir asistencia a domicilio, acusan ao goberno local de ter metidas nun caixón as solicitudes por falta de persoal pero non incrementan as contratacións atender estes casos como é a súa obriga.

O BNG aínda valorando positivamente os cursos de formación dual e as prácticas remuneradas para tituladas e titulados, considera que esta política é insuficiente para combater o desemprego e apostar pola dinamización económica do concello. Con este argumento demandaron unha aposta decidida, con fondos económicos e iniciativas de impulso para o comercio, a hostalaría e os servizos, e o aproveitamento dos recursos propios do concello. Para os nacionalistas o obxectivo do goberno municipal ten que ser identificar aqueles grupos de persoas con maiores dificultades para a integración laboral e ofrecerlles formación e impulso a iniciativas que aproveiten os recursos dispoñíbeis no territorio municipal. Pola contra o PP parece estar mais interesado en buscar afianzarse no poder a base de alimentar o voto cautivo e a dependencia laboral facendo bo aquilo de que a dereita galega sempre foi un nio de caciques.

Os nacionalistas pediron recuperar o sistema de préstamo de libros que funcionou no concello durante anos para facilitar a escolarización en igualdade de condicións, lembrou que hai ANPAS que xa traballan neste sentido pero precisan axuda para continuar.

Cualificaron de ridícula a partida de investimento real que representan o 5,19% do orzamento de gasto e esixiron que se invista en infraestruturas prioritarias o millón de euros que aínda está por gastar do remanente de tesourería de 2013, neste sentido lembraron que hai parroquias completas como Rúa ou Vilaestrofe que non teñen un so metro de saneamento mentres o concello se permite o luxo poñer un céspede artificial no campo de futbol artificial no canto de facer unha boa labor de mantemento.

O BNG criticou os gastos do grupo de goberno, con catro persoas liberadas e dous salarios encubertos, aos que se debe sumar un gabinete de prensa a tempo completo sendo o único concello da provincia, xuntamente coa capital que dispón deste privilexio. En total o grupo de goberno cústalle aos 4.400 veciñ@s de Cervo preto de 140.000 euros ao ano, sen contar os gastos de propaganda ou os teléfonos móbiles dos que dispoñen todas e todos eles.

Os nacionalistas anunciaron a presentación de emendas para redistribución económica das partidas de gasto e presentarán un orzamento alternativo.

Exit mobile version