Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz defende nunha moción o comercio de proximidade con medidas para que non desapareza

Foz, 24 de outubro de 2014.- O pasado mes de setembro publicouse o Decreto 125/2014, do 4 de setembro, polo que se regula a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final. Este decreto entende por venda directa a que se realiza na casa, en mercados e feiras e en tendas minoristas, que vendan directamente ao consumo final, agás os ovos, e estabelece unha serie de requisitos para poderen realizar esa venda.

Desde o BNG sempre defendimos que se prestixien os nosos produtos primarios como de calidade cumprindo con todas as garantías de salubridade. Igualmente xulgamos que se debe facilitar desde os poderes públicos a súa comercialización en circuítos curtos e de proximidade para garantirlles o máximo beneficio aos e ás produtoras e que a actividade agrícola, a súa transformación e comercialización sexa un elemento de produción de alimentos, de creación de emprego e de dinamización económica. Neste sentido recordar que o Concello de Foz ten aprobada unha moción promovida polo BNG, que nunca se levou a cabo, para poñer en marcha un mercado tradicional durante épocas sinaladas do ano e non só os martes como están facendo noutras vilas da comarca con gran éxito, promocionando así o comercio local de proximidade.

Porén, este decreto, sen outras medidas que acompañen o desenvolvemento da venda de proximidade e o apoio aos e ás produtoras non vai ter ese efecto dinamizador. De feito, é evidente que non ten como obxectivo relanzar feiras e mercados nin serve para incorporar novas persoas a esta actividade. O articulado do decreto non garante a produción nin fomenta a dedicación de persoas a este tipo de actividade. Entre estas medidas están a de introducir alimentos producidos nas explotación galegas nos menús dos centros públicos (escolares, hospitais, etc), facilitar base territorial ás persoas que a demandaren para a produción de alimentos e estabelecer medidas de cotas á seguridade social reducidas e adaptadas a este tipo de actividade produtiva, e o mesmo en relación coa súa fiscalidade, Cómpre tamén estabelecer liñas de axuda para que a introdución de elementos de identificación e a introdución de guías de boas prácticas non sexa un gasto engadido ás producións.

Por iso, o BNG considera imprescindíbel desenvolver iniciativas que incidan no apoio á comercialización de proximidade (feiras, mercados periódicos de alimentos producidos no contorno tanto en cidades como vilas, degustacións, etc), ás de venda na propia explotación ou on line, e que teñan como obxectivo a promoción deste tipo de comercialización. Así mesmo, que a Xunta impulse unha marca de calidade que identifique este tipo de produtos da horta e dinamice un sector vital para a nosa economía galega.

Exit mobile version