Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove pide que se controle a praga da “herba da Pampa” nas praias do municipio

A “herba da Pampa” ou “cortadeira” é unha planta invasora que provén de Sudamérica, que medra nunha mata densa e pode chegar aos tres metros de altura. Ten follas longas con beiras moi afiadas e flores en panícula branca sobre varas florais. A “cortadeira” foi introducida en Europa como planta ornamental.

Esta herba, que semella tan inofensiva, atópase entre as dez especies máis danosas da Península Ibérica. Segundo Marco López, portavoz nacionalista no Concello de Xove, «aínda que non se trata de ningún animal e, polo tanto, nin roe persoas nin mata abellas, a “herba da Pampa” está considerada unha verdadeira praga e é preocupante a súa proliferación nas praias do municipio, nomeadamente na de Lago». Do mesmo xeito, desde o grupo municipal do BNG advirten que a “cortadeira” está a espallarse por todo o concello «por desleixo institucional» e instan o goberno municipal a que tome medidas para frear esta praga, promovendo a concienciación social, coa finalidade de evitar a recollida e trasporte da “herba da Pampa” pola cidadanía para evitar a propagación das sementes.

Nesta mesma liña, desde o Bloque xovense quixeron preguntarlle ao executivo local polas súas responsabilidades no control da praga da avespa asiática tras coñecerse publicamente que a retirada dos niños de Vespa Velutina estábase a realizar precisamente cando o insecto non se atopaba na colmea. Isto, tendo en conta que as femias obreiras son estériles debido a unha hormona que desprende a raíña fundadora do niño e que impide que sexan reprodutoras, provocaba que todas as avespas se volveran sexuadas sen esa hormona e, polo tanto, se transformaran en raíñas fundadoras. «É dicir», sentenciou Marco López, «que no canto de combatelas, a Administración estaba multiplicando a poboación de avespas asiáticas».

Exit mobile version