Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG mariñao demanda a inmediata demisión da Delegada Territorial de Educación en Lugo

A Mariña, 21 de outubro de 2014.- O BNG mariñao demandou a inmediata dimisión da Delegada Territorial da Consellaría de Educación despois do descrédito, a persecución e a incapacidade demostrada na xestión do conflito pola falta dun profesor no IES Vilar Ponte de Viveiro, así como nos outros centros de ensino da comarca onde seguen sen completarse os cadros de profesorado necesarios para manter un ensino público de calidade.

A organización nacionalista na Mariña acusou ao Partido Popular de ser responsábel do nomeamento dunha Delegada Territorial de Ensino, incapaz e incompetente para solucionar os problemas xerados no Vilar Ponte despois de incumprir os propios compromisos para dotar este centro do docente número 43, e mesmo de incumprir a legalidade vixente co nomeamento dunha directora a dedo que a comunidade escolar non aceptou. O BNG fixo fincapé en que os recortes orzamentarios para dotar de profesorado e medios aos centros de ensino da comarca están detrás dunha política deseñada polo Partido Popular para degradar o ensino público en beneficio do privado.
Á vista da marcha atrás da Consellaría no nomeamento a dedo e incumprindo a lexislación da directora, á vista da incapacidade, da persecución sobre a comunidade educativa, e do descrédito pola nefasta xestión deste e doutros problemas nos centros de ensino da comarca, a formación nacionalista reclama a súa dimisión ou o cese inmediato do seu cargo da Xefa territorial, Mariña Gueimunde.

Non pode ser, afirman desde o BNG, que a Consellaría de Educación e os seu cadros directivos se dediquen a deteriorar a calidade do ensino público, perseguir e criminalizar ás ANPAS, e dinamitar a convivencia da comunidade educativa sen que isto teña consecuencias políticas en modo de dimisións dos seus responsábeis.
O BNG denunciou ademais que o nomeamento de Mariña Gueimunde á fronte da Xefatura Territorial de Ensino reponde moito mais á conveniencia política do Partido Popular para amañar así os seus conflitos internos que a criterios de idoneidade para ocupar o cargo, que á vista do sucedido non está capacitada para exercer.

Exit mobile version