Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pedirá no Pleno de Barreiros que se poña en funcionamento o albergue de Gondán

Barreiros, 4 de outubro de 2014. O BNG levará a pleno o vindeiro luns unha polémica que hai xa tempo se dá no concello barreirense. “O albergue de Gondán leva dous veráns sen abrirse ao público para as persoas que están facendo o Camiño. O que atopan esas persoas é un papel con un teléfono ao que teñen que chamar e desde onde os desvían para unhas instalacións que se habilitaron nas escolas de San Xusto”, explican desde o BNG.

O que os nacionalistas preguntarán é que motivos ou interese tivo o Partido Popular para pasar de prometer unha inversión en Gondán de 300.000€ no ano 2009 a desviar a hospedaxe para unhas escolas que se habilitaron polo concello, sen estar recollidas en ningunha guía nin publicación ao respecto e que son escasas para atender á cantidade de persoas que percorren ese tramo do camiño.

“É cando menos curioso que se peche un albergue que aparece recoñecido como tal en todas as guías, páxinas web, etc. e se habiliten unhas escolas que nin sequera teñen capacidade para acoller a todo o mundo. Sobre todo, cando no ano 2009 se comprometera e anunciara un investimento de 300.000€ para mellorar este espazo.”

A portavoz municipal, Ana Ermida, sinalou que “ademais, esta situación supón que moitas das persoas cando chegan a San Xusto e se atopan sen espazo, aínda que se lle ofreza a posibilidade de volver a Gondán non o fagan, xa que suporía percorre ao revés aproximadamente 6Km.; cando percorrendo 7km chegarían a Lourenzá, onde hai outro albergue, e terían percorrido outro tramo do camiño”, explican. Polo tanto, o BNG considera que “esta situación está a perxudicar a imaxe de Barreiros a nivel turístico e supón a perda de persoas que quedan no noso concello para pasar a noite.”

Desde o BNG defenderán que se recupere o funcionamento do albergue de Gondán e que, se fora preciso, se habiliten outras instalacións; pero sempre en función da capacidade do albergue oficial que debe estar en funcionamento normal e pedirán explicacións sobre as razóns para manter pechado o albergue mentres se desvía á xente para as escolas de San Xusto.

Exit mobile version