Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclama a redistribución do investimento da entidade portuaria e esixe negociacións para a apertura do dique norte de Alcoa

A Mariña, 9 de outubro de 2014. O BNG mariñao puxo un novo exemplo do deserto inversor no que vai converter o goberno do Estado á comarca no ano 2015 ao afirmar que nos orzamentos xerais do Estado previstos para a autoridade portuaria Ferrol-San Cibrao, non aparece un so euro para a nosa comarca dos 19 millóns que se prevén investir en 2015. A fronte nacionalista lembrou que boa parte das taxas portuarias das que se nutre esta autoridade portuaria proveñen da Mariña que a cambio, nunhas ocasións so recibe esmolas e noutras nada.

O BNG MARIÑAO RECLAMA A REDISTRIBUCIÓN DO INVESTIMENTO PREVISTO POLA AUTORIDADE PORTUARA E NEGOCIACIÓNS PARA O RESCATE DO DIQUE NORTE DE ALCOA PARA O TRÁFICO COMERCIAL.
A responsábel comarcal do BNG mariñao, Ana Ermida, denunciou o agravio comparativo xerado polo goberno do Estado que ten previsto investir 19 millóns de euros a través da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao dos que a comarca non verá un so euro, aínda que aporta unha parte importante dos recursos dos que se nutre o ente portuario estatal. A portavoz nacionalista afirmou que o castigo ao que veñen sometendo os sucesivos gobernos estatais á comarca mariñá non ten parangón, e explicou que, segundo as contas anuais de 2013 da autoridade portuaria, a cifra de negocios xerada en San Cibrao achegou preto de 3,38 millóns euros dos recursos xerados pola autoridade portuaria Ferrol-San Cibrao, mais so volven esmolas ou nada.

A organización nacionalista reclamou “a redistribución do investimento previsto por xustiza distributiva e porque na Mariña con este reparto, estannos roubando o presente e o futuro”, afirmou Ana Ermida. A nacionalista engadiu que estamos ante un problema político que require solucións políticas, algo que nin PSOE nin PP quixeron afrontar ate agora nos seus pasos polo goberno do Estado e que xa vai sendo hora de cambiar.

Co mesmo argumento de desleixo e falta de compromiso por parte dos dous partidos estatais, Ermida demandou “iniciar de inmediato negociacións para a apertura do dique norte de Morás ao tráfico comercial”, “esta é unha demanda histórica do BNG, mais tamén é unha demanda estratéxica para a comarca porque senta bases sobre as que construír alternativas laborais e económicas ao marxe do monocultivo que representa a multinacional Alcoa”. A portavoz nacionalista denunciou que “a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao traballa na contra dos intereses da Mariña e responsabilizou ao PP, que ten representantes desta comarca na mesma de “estar calados mentres se espolian os ingresos producidos polo tráfico comercial en San Cibrao, dando por boas as esmolas que nos deixan”. Segundo o nacionalista, “PP e PSOE actúan diferente en función de si están no goberno ou non e contrapuxo a vontade decidida do BNG para defender o noso á de aqueles que so se preocupan deste tema cando o BNG move ficha.”

O BNG mariñao enmarcou estas demandas na reclamación de compensacións ante a asfixia inversora do Estado para 2015 que cuantificou nunha redución do 83% dos investimentos previstos nos orzamentos estatais en relación a 2014. “A comarca da Mariña ten puxanza e segue representando o 30% do PIB provincial, mais semella non estar nas prioridades do goberno de Mariano Rajoy e tampouco na dos dirixentes comarcais do Partido Popular”.

SEN SOLUCIÓNS PARA PROBLEMATICAS PENDENTES E EFECTOS DEMOLEDORES SOBRE O EMPREGO
Ana Ermida resaltou que cos orzamentos previstos para 2015 diante, non se ofrecen solucións á problemática xerada na A-8 en Mondoñedo e tampouco se prevé ningún investimento na vía alternativa da N-634. Tampouco é de recibo que a A-82, autovía de conexión entre Barreiros e San Cibrao apareza troceada cando está pendente a redacción do proxecto construtivo que debera afectar aos 33,5kms. totais en non so a 10,5 como figura nas previsións. “Ermida esixiu que o esforzo inversor do Estado na comarca se manteña porque existen débedas históricas que se deben cumprir e cada euro que se inviste na comarca repercute no mantemento do emprego e na dinamización económica.”

Exit mobile version