Site icon Crónica3.com A Mariña

O Burela FS recibe ó esixente Magna Navarra

isi-xota13O Burela FS Pescados Rubén recibe mañá en Vista Alegre o experimentado e esixente Magna Navarra; o partido da 6ª xornada de Primeira División LNFS arrincará ás 18.30 horas. Os mariñáns invocarán a fortaleza do santuario laranxa para facerse cos tres puntos. “Aquí estamos dando mellor medida; os xogadores máis novos están tendo moita responsabilidade polas circunstancias e eles renden mellor na casa, algo lóxico, séntense máis seguros”.

Ambas as escuadras chegan a este envite tras un calendario complicado no inicio ligueiro, puntuando só na casa. Os pupilos de Juanlu, con 3 puntos, volven á bomboneira coa intención de recuperar sensacións de vitoria de Peñíscola, despois de caer en Palma e na Copa do Rei. Pola súa banda, os de Imanol Arregui, con 6 puntos (Santiago 5-2, Montesinos 6-2) chegarán á Mariña tras encadear as derrotas ante os grandes, Inter Movistar (3-1) e FC Barcelona (2-6), e coa esgotadora clasificación de Copa en terras castelano-manchegas (Valdepeñas 2-5).

“É un equipo con experiencia que sabe competir; ata o momento non conseguimos gañarlles en liga” puntualizaba o adestrador burelista sobre un conxunto ao que tamén se enfrontaron os laranxas en pretempada, en Asturias, caendo pola mínima (1-0). “É un rival que esixe moito, sobre todo no plano físico; comete moi poucos erros e iso obrigaranos a ter unha concentración absoluta” adiantaba o técnico laranxa, que disporá de todo o vestiario, aínda que coa dúbida de Miguel, minguado por unha contusión ósea. Nas filas navarras a única baixa será Mario, por molestias de adductores.

Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 3. Jorge Bellvert, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 10. Matamoros, 11.Chano, 13. Álex, 14. Miguel, 27. Carlitos, 23. Antoñito, 30. Hélder. 29. Ángel

Convocatoria Magna Navarra: 1. Asier, 3. Víctor, 4. Marc Tolrá, 6. Jesulito, 7. Carlitos, 8. Roberto Martil, 9. Dani Saldise, 10. Pablo Ibarra, 11. Samuel, 12. Eseverri, 14. Javi Saldise, 15. Raúl.

*FOTO: A Caixa Escura (temporada 2013-14).

Exit mobile version