Site icon Crónica3.com A Mariña

O CIM de Burela recibe da Secretaría Xeral da Igualdade preto de 70.000 euros para o seu funcionamento

Burela, 10 de outubro de 2014. A concelleira de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, Diana Durán, quere manifestar a súa satisfacción polas subvencións de preto de 70.000 euros que lle concedeu a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta ao CIM de Burela. Tamén agradece e anima aos Concellos de Alfoz, Cervo e O Valadouro a continuar conveniados con Burela “coa finalidade de acadar unha igualdade efectiva e real entre mulleres e homes e traballar conxuntamente cara a erradicación da violencia de xénero, pois non hai que esquecer que os esforzos conxuntos producen máis froitos que o traballo illado de cada concello”.

A edil popular sinalou que “para o funcionamento do CIM a subvención que recibimos ascende a 64.859 euros, que é o máximo para as características que presenta o CIM de Burela ao que se pode optar, superando a nivel galego a CIM´s de grandes cidades. A concesión desta axuda máis a achega para o desenvolvemento de programas supón preto de 70.000 euros, que se traduce na garantía da continuidade do CIM, así coma dos programas de prevención, sensibilización e concienciación. Pensamos que é a recompensa ao traballo desenvolvido a través do CIM, servizo dende o que se loita pola promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, pero sobre todo por prestar atención especializada ás vítimas de violencia machista”.

Diana Durán subliña que “o CIM de Burela é o máis destacado da provincia de Lugo, tanto polas prestacións que ofrece, coma pola cantidade de demandas atendidas e a calidade na atención das profesionais que o conforman. Así o demostrou a puntuación acadada para optar á subvención que a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta convocou para este 2014. Concretamente, no proxecto presentado especificábanse, entre outros, as áreas nas que se traballa, o número e o tipo de consultas que se atenderon e as profesionais adscritas a este servizo”.

A concelleira de Muller e Igualdade aludiu “ao bo funcionamento do CIM e á cantidade de mulleres atendidas no mesmo, non só de Burela, senón tamén doutros concellos veciños que non dispoñen deste servizo”. E lembra que “se atenden áreas coma a xurídica, orientación profesional, emprego, recursos, información sobre axudas que ofrece a Secretaría Xeral de Igualdade, atención psicolóxica, coeducación, tempo libre e outras”. Durán eloxia o traballo das profesionais do CIM de Burela “que fai que sexa o cabeceira da provincia. Esta subvención recibida garante a continuidade das tres profesionais que conforman o centro: asesora xurídica, psicóloga e administrativa e tamén conta co servizo de teletraducción para a atención de mulleres que non empregan a nosa lingua, e que comezou a funcionar en agosto de 2012, seguindo vixente na actualidade. Con todas estas actuacións e outras como é Educando en Familia, cursos de tempo libre para mulleres, etc, cumprimos coas liñas de actuación recollidas dentro das accións do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Burela”.

A edil popular lembrou que “hoxe en día cada vez máis se está a destapar a problemática de discriminación e violencia de xénero que as mulleres veñen sufrindo ao longo da historia da humanidade, e querémoslle recordar a todas as mulleres mariñanas que teñen á súa disposición no Concello de Burela un Centro de Información ás Mulleres, que é un servizo pensado para apoiar á muller, proporcionándolle toda a información necesaria para solucionar o problema ou problemas que estea a padecer. Unha vez mais, o alcalde, José González Barcia, e o seu equipo de goberno amosan o seu compromiso en todo momento coas políticas sociais, conferíndolle aos Servizos Sociais a importancia que merecen en todos os seus ámbitos en xeral e, en particular, naqueles colectivos con necesidades específicas”.

Exit mobile version