Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Barreiros dota de beirarrúas e novo alumeado público a entrada a Reinante dende a N-634

obras-reinanteBarreiros, 10 de outubro de 2014. O Concello de Barreiros está executando obras de urbanización na entrada ao núcleo de Reinante dende a estrada Nacional 634. Consisten na construción de beirarrúas, instalación de novo alumeado público e substitución da canalización para o subministro de auga.

O alcalde, Alfonso Fuente Parga, visitou hoxe a obra e explicou que “o que se está a realizar na parroquia de Reinante é urbanizar os primeiros 150 metros dende a estrada nacional pola baixada cara á praia. Vanse dotar de beirarrúas e de iluminación pública. É un espazo onde se iniciou unha promoción que está parada. É a entrada da parroquia de Reinante e onde vive o maior número de veciños e había que urbanizar esa zona”.

O alcalde barreirense indicou que “vanse investir 199.000 euros. Ao mesmo tempo aproveitamos para facer un topo na estrada nacional e a nova traída de auga dende o depósito que se fixo en Reinante vaise pasar para a parte de abaixo. Dótase tamén dun tubo de máis sección neses 150 metros, o que vai supoñer unha mellora do servizo naquela zona. Tamén se van recoller as augas de pluviais. Con todo isto a entrada da parroquia de Reinante vai quedar nunhas mellores condicións unha vez que estea urbanizada”.

O rexedor municipal de Barreiros prevé que estas obras estarán rematadas dentro de dous ou tres meses.

Exit mobile version