Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela oferta un curso formativo para inmigrantes entre o 20 e o 30 deste mes

Burela, 13 de outubro de 2014. A Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade do Concello de Burela, organiza a través do seu Programa de Inmigrantes, un curso formativo para axudar a alcanzar un bo grado de integración entre toda a poboación inmigrante residente no municipio.

O curso ofertado, que leva por nome Acreditación do esforzo de integración, constará de distintos módulos formativos coma: valores constitucionais de España, valores estatutarios de Galicia, valores da Unión Europea, dereitos humanos, liberdades públicas, a democracia, a tolerancia e a igualdade entre homes e mulleres. A actividade formativa terá unha duración de 24 horas e será impartida, entre o 20 e o 30 de outubro, no propio Concello de Burela. Os interesados poden solicitar máis información no teléfono 982 58 06 09.

Diana Durán, concelleira de Servizos Sociais de Burela, recordou que “este curso complementa unha novidade introducida no novo regulamento de estranxeiría. Trátase dos informes previstos na Lei orgánica, a través dos cales as administracións locais e autonómicas poden participar. Estes informes de integración poden ser válidos para realizar as renovacións das autorizacións dos inmigrantes,así coma para formular reagrupacións familiares e arraigos sociais”.

Exposición: A escola, camiño de futuro

A Concellería de Servizos Sociais de Burela estrea hoxe a exposición A escola, camiño de futuro. Na mostra poderase contemplar un conxunto de 32 cubos, elaborados a partir de materiais coma o cartón pluma, que plasman diferentes proxectos educativos que se están a levar a cabo en países de África, América do Sur, América Central e Asia. A exposición poderá visitarse ata o 24 de outubro no CEIP Vista Alegre. Posteriormente, continuará a súa andadura de maneira itinerante polo resto de colexios e institutos de Burela.

A concelleira Diana Durán, recordou que “debido a temática desta exposición quixemos implicar aos centros educativos do municipio, para que lle sirva a todo o seu alumnado para aproveitar os recursos educativos e fomentar vías de participación solidaria. Por tanto, dende o Concello queremos agradecerlles a tódolos centros interesados nesta iniciativa a súa implicación e colaboración con nós.”

A edil engadiu que “dende o Programa de Atención a inmigrantes da Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade do Concello de Burela, como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e en colaboración coa ONG Educo, queremos apoiar a iniciativa do Fondo Galego de divulgar e sensibilizar á poboación sobre a realidade social do mundo que nos rodea. No mes de outubro celébrase en moitos países europeos a Semana Contra a Pobreza, e aquí en Galicia, grazas á axuda das ONG´s, podemos dar a coñecer distintas visións sobre o desenvolvemento socioeconómico e a grande diversidade de situacións que se dan no mundo actual. De aí, que hoxe poñamos en marcha esta exposición que esperamos sexa un éxito nos centros educativos”.

Exit mobile version