Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo comeza un plan de catalogación, limpeza e conservación das fontes das seis parroquias

limpeza_fontesCervo, 20 de outubro de 2014.- O Concello de Cervo anunciou hoxe o inicio dun plan de mellora de todas as fontes e mananciais das seis parroquias do municipio. En concreto, esta iniciativa inclúe traballos de catalogación para así levar un rexistro oficial do número de fontes, as súas características e a súa ubicación.
Ao mesmo tempo, tamén se vai realizar unha limpeza en profundidade de todas as fontes, e posteriormente diversos traballos de conservación. Segundo os datos rexistrados na actualidade, que se van revisar, existen preto de 50 fontes e mananciais repartidos por todas as parroquias.

Algunhas son moi coñecidas e frecuentadas, e tamén hai outras con elementos complementarios como lavadoiros, pías ou pezas arquitectónicas sen esquecer outras máis sinxelas. De todas as formas, o obxectivo do Concello é actuar en todas elas sen excepción.

O edil de Zona Rural, José Ramón Soto, e a de Medio Ambiente, Begoña Alonso, visitaron algunhas das fontes para comprobar o seu estado actual. Con estas medidas o Concello pretende “preservar y mantener en buen estado todas las fuentes, ya que son una parte importante de nuestro patrimonio y por suposto tienen un gran valor, no sólo arquitectónico o natural, sino también sentimental para nuestros vecinos”.

O Concello dará comezo de inmediato a estes traballos que previsiblemente durarán varios meses tendo en conta o elevado número de fontes que se poden contabilizar no territorio municipal. En definitiva, “queremos preservar estes elementos tan importantes na zona semi urbana e no rural do noso concello como unha forma de coidar o noso entorno e o noso patrimonio” remata Soto.

Exit mobile version