Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Lourenzá organiza para o 7 de novembro un obradoiro de consumo responsable ós moz@s

Lourenzá, 14 de outubro de 2014. A Concellería de Educación de Lourenzá mantén o prazo aberto para que tódolos mozos e mozas de entre 16 e 30 anos poidan inscribirse no curso Consumo xeito, que se levará a cabo o venres 7 de novembro no salón de actos da Casa do Concello. A actividade forma parte do Plan Activa de formación para a mocidade, posto en marcha pola Xunta de Galicia, e ten carácter gratuíto. Os interesados poden formalizar xa a súa inscrición en horario de 17:00 a 20:00 horas na biblioteca municipal. A actividade só poderá levarse finalmente a cabo se conta cun número mínimo de dez inscritos.

A concelleira de Educación e Cultura de Lourenzá, Lupe Flórez Seivane, explicou que é “unha nova actividade que se enmarca dentro do programa Activa 2014 de formación para a mocidade, que chega ao noso concello a través da Xunta de Galicia, concretamente a través da Rede Galega de Dinamización Xuvenil. Trátase nesta ocasión dun obradoiro de consumo con xeito, que está basicamente dirixido a mozos de entre 16 e 30 anos. Os contidos que se abordarán serán catro. Por unha banda, as novas formas de consumo e a idea de forza do consumo do futuro. Por outra, a análise de consumo por Internet, moi estendida nos nosos días e sobre todo na poboación máis moza. Outro dos aspectos a tratar será aprendendo a analizar a publicidade que induce a consumir. E xa como último punto que abarca este obradoiro estará todo o referido aos recursos para o consumo seguro, sobre todo a través das novas redes de comunicación cibernéticas.”

A edil aclarou que “o curso vai a celebrarse o venres 7 de novembro no salón de actos do Concello cunha duración de dúas horas. As persoas anotadas van recibir un diploma acreditativo da presenza neste obradoiro. Os interesados teñen de prazo para inscribirse ata o 31 de outubro na biblioteca en horario de tarde, de 17:00 a 20:00 horas. Na biblioteca, a través da informadora xuvenil, tamén poderán recibir información máis pormenorizada deste obradoiro. Hai que ter en conta que é necesario un grupo mínimo de participantes para que a persoa que vai impartir o obradoiro se desprace ata o noso concello, motivo polo que necesitamos formar un grupo cun mínimo de 10 mozos”.

Exit mobile version