Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo investirá 241.000 euros de fondos propios en arranxar camiños municipais

Ribadeo, 6 de outubro de 2014. Fernando Suárez Barcia, alcalde de Ribadeo, anunciou este luns que o Concello acaba de iniciar o procedemento de adxudicación para arranxar os camiños de titularidade municipal que se atopan actualmente en mal estado. En total, o Concello destinará 241.000 euros, procedentes de fondos municipais propios, para mellorar os camiños da vila e das parroquias. As obras de mellora levaranse a cabo en dúas fases. A primeira terá lugar entre o 15 de outubro e o 30 de novembro e contará cunha inversión de 134.000 euros. E a segunda efectuarase entre o 15 de marzo e o 30 de abril do vindeiro ano 2015 e contará cun presuposto de execución de 107.000 euros.

O rexedor recoñeceu que “de todas as actuacións que poida levar a cabo un Concello, e aquí en Ribadeo estamos a facer moitas moi importantes coma a nova residencia ou a aprobación do PXOM, hai algunhas cousas que a xente valora moito e que precisamente nestes últimos tempos estamos adoecendo de velas ben amañadas. Estoume referindo á situación de moitos dos camiños municipais, que son competencia exclusiva do Concello de Ribadeo, tanto nas rúas da vila, coma en moitas parroquias, por non dicir en case todas. De aí que no día de hoxe vimos de iniciar o procedemento de adxudicación dun plan ao noso xuízo bastante ambicioso dende o punto de vista económico, dada a situación que podemos ter os concellos”.

Suárez explicou que “queremos facer para o que queda deste ano, e para principios do ano que ven, un plan ambicioso de arranxo de camiños na vila e nas parroquias. En definitiva, preténdese destinar para este ano unha cifra de 134.000 euros de inversión, e xa para comezos do ano 2015 outros 107.000 euros. De tal maneira que o plan no seu conxunto ten a contía de 241.000 euros, cos que imos a actuar en todas as parroquias da vila. Tanto nas da costa en Ove, Vilaselán, Piñeira, Vilaframil, Rinlo, A Devesa e Noceda coma nas do interior en Arante, Remourelle, Cubelas, Cedofeita, Piñeiro, Vilaosende e Couxela”.

O alcalde nacionalista adiantou que “na primeira parte imos actuar dende a segunda quincena de outubro, ata o 30 de novembro. E xa nunha segunda parte, actuaremos dende o 15 de marzo ao 30 de abril. Facemos este programa en dúas fases porque os técnicos entenden que, do 30 de novembro ao 15 de marzo, non convén acometer estas actuacións nin pola chuvia, nin polas xeadas, xa que o alcatrán non acaba compactando como debera. Polo tanto, pido desculpas porque son consciente e vexo que moitos dos camiños a día de hoxe non están en condicións. Pero espero que no que ten que ver exclusivamente cos camiños municipais, en pouco tempo poidamos ter este problema resolto. Nos outros camiños, nos que teñen que ver coa Xunta e a Deputación, correspóndelles a estas entidades arranxalos. E diso xa son sabedoras porque dende o Concello llelo levamos recordando dende fai tempo”.

Exit mobile version