Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo mantén aberto o prazo para anotarse nun curso de iniciación á apicultura a celebrar en novembro

Ribadeo, 22 de outubro de 2014.- A Concellaría de Desenvolvemento Local organiza o vindeiro mes de novembro un curso dedicado á iniciación á apicultura. A actividade levarase a cabo na Casa da Xuventude as fins de semana do 7 e 14 de novembro, en horario de seis da tarde a dez da noite os venres, e de dez da mañá a dúas da tarde os sábados. A duración do curso será de 16 horas nas que os inscritos poderán coñecer a evolución das técnicas de apicultura, a bioloxía das abellas, os conceptos básicos de sanidade apícola, a aplicación da apicultura á biosfera en espazos naturais protexidos como a contorna do LIC das Catedrais e Reserva da Biosfera e o proceso de comercialización da mel. Os interesados poden anotarse xa nesta actividade a través da páxina web do Concello de Ribadeo www.ribadeo.org, no teléfono 982 128 650 ou no enderezo electrónico olribadeo@gmail.com. As prazas están limitadas a 30 inscritos, entre os que terán preferencia as persoas desempregadas e os interesados en desenvolver a súa traxectoria profesional neste campo.

Ana Martínez, concelleira de Desenvolvemento Local, comentou que “proximamente vai desenvolverse un curso de aproximación á apicultura en Ribadeo. A iniciativa está organizada pola Concellaría de Desenvolvemento local, en colaboración coa Área de Turismo e Cultura da Deputación de Lugo. O curso encádrase dentro da estratexia e das prioridades do Concello, dirixidas a conciliar a conservación e preservación de todo o patrimonio natural, coa dinamización económica local evidentemente, e en base a un desenvolvemento sustentable. O ciclo desenvolverase durante as fins de semana, de venres a sábado, os días 7, 8, 14 e 15 de novembro na Casa da Xuventude, en horario de seis da tarde a dez da noite os venres e de dez da mañá a dúas da tarde os sábados. O curso ten unha duración total de 16 horas, entre as que se inclúen teoría e tamén práctica”.

A edil engadiu que “este curso está dirixido a todo tipo de persoas, aínda que terán prioridade os desempregados e aqueles que realmente estean interesados en iniciarse no mundo da apicultura para buscar unha saída profesional ou complementaria aos seus ingresos neste mundo das abellas. O obxectivo da actividade é capacitar nos coñecementos necesarios aos alumnos para que se convertan en apicultores e seres autónomos no manexo das colmeas. Haberá un número de 30 prazas limitadas, polo tanto as persoas que desexen anotarse ou recibir máis información poden facelo xa a través da páxina web do Concello www.ribadeo.org, no teléfono 982 128 650, ou ben no enderezo electrónico olribadeo@gmail.com”.

A responsable municipal de Desenvolvemento Local e Turismo aproveitou para recordar que “a parte deste curso de iniciación á apicultura, dende o Concello temos tamén aberto o prazo para poder solicitar a participación no Mercado de Nadal, que este ano se celebrará entre os días 5 e 8 de decembro. O prazo para anotarse está aberto ata o día 30 de outubro e as bases poden consultarse na páxina web do Concello. Os interesados que demanden máis información tamén poden acudir ás oficinas municipais de Desenvolvemento Local”.

Exit mobile version