Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Viveiro pon en dúbida a información facilitada polo voceiro do grupo popular sobre a retirada dos galpóns do porto

Deixando pasar o tempo, dende esta Alcaldía quere traerse á memoria as declaracións de Antonio Bouza Rodil, voceiro do grupo popular, quen hai varias semanas anunciaba que Portos de Galicia comezaría a derrubar os galpóns do porto de Viveiro o día 20 deste mes. Naquel momento, esta Alcaldía contrastou a información aparecida na prensa co propio presidente de Portos de Galicia e dende o ente autonómico aseguróusenos que non era posible confirmar que nesa data se producise o inicio das obra. Naquela conversa, así mesmo, o presidente de Portos fixo referencia ao respecto institucional, indicando que a comunicación oficial deste tipo de informacións debe realizarse á propia alcaldesa. A día de hoxe, 30 de outubro de 2014, as obras para a retirada dos galpóns aínda non se iniciaron, polo que cómpre poñer en dúbida a fonte do voceiro do grupo popular e agradecer ao presidente de Portos de Galicia pola veracidade das súas palabras.

Doutra banda, a día de hoxe esta Alcaldía está pendente de que Portos de Galicia lle permita ver, xunto cos técnicos municipais, o proxecto de demolición e rexeneración para coñecer de primeira man como quedará o porto de Viveiro tras a demolición dos galpóns.

Exit mobile version