Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello e Terramar presentan os Agarimos para maiores de 65 anos que inclúen consellos de saúde, psicoloxía, exercicios terapéuticos ou manualidades

Cervo, 4 de outubro de 2014- O departamento de Servizos Sociais ofrecerá esta temporada un novo programa de actividades dirixido a persoas de 65 anos en diante no que se traballarán aspectos terapéuticos, cognitivos e de mobilidade. Este programa, chamado Agarimos, ofrecerase en horario de mañá, aínda que a hora exacta está por fixar xa que se establecerá atendendo á demanda.

A inscrición abrirase este luns, na Casa do Mar ou no teléfono 691 65 66 00, e a actividade arrincará o 20 de outubro. Para comezar, impartirase na Casa do Mar aínda que a intención é estendela a outros lugares do municipio sempre que existan solicitudes. Hai que destacar tamén que esta actividade está organizada polo Concello coa colaboración da Asociación de Xubilados Terramar.

En concreto, Agarimos inclúe dende manualidades ata traballo terapéutico no que se porán en práctica diferentes exercicios relacionados co benestar, a mobilidade e a funcionalidade; información para a saúde, no que se darán nocións sobre hábitos saudables e alimentación; ou consellos sobre psicoloxía e traballo das capacidades mentais. Hai que ter en conta que cada unha destas actividades será impartida por especialistas con formación nesa disciplina concreta.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, e o presidente da Asociación de Xubilados Terramar, Francisco Alves, presentaron hoxe o cartel e os contidos deste programa “pioneiro co que pretendemos contribuír ao benestar físico e mental das persoas maiores de 65 anos a través de actividades variadas e adaptadas a súa idade, gustos e preferencias”, asegura Armada.

Un programa que vén a complementar os talleres de memoria, pero sen esquecer que ambos son compatibles, tanto en contidos como en tempo, xa que Agarimos ofrecerase polas mañás e os talleres de memoria véñense impartindo polas tardes.

Exit mobile version