Respecto do número de efectivos cos que conta a Consellería para atender ao alumnado, o conselleiro sinalou que o número de docentes que traballan no sistema educativo galego é semellante ao do curso pasado, “distribuídos pola xeografía galega para atender as necesidades educativas que poden xurdir en cada momento e que sempre varían dun curso a outro”. “O feito de que un profesor desapareza dun centro concreto non implica que xa non estea traballando no ensino galego”, engadiu. En calquera caso sinalou que o seu departamento respecta o Catálogo de postos fixado en 2007 polo Goberno bipartito, ademais de habilitar un total de 60.000 horas de docencia e atención ao alumnado de infantil e primaria froito da reorganización do horario lectivo e outras 30.000 derivadas da ampliación da carga lectiva en secundaria.
Cobertura de necesidades
Vázquez Abad salientou ademais a cobertura de necesidades puntuais con persoal contratado a maiores, tendo en conta que “o catálogo é unha ferramenta dinámica e flexible”. “Como exemplo, entre o 10 de setembro e o 20 de outubro, só na provincia de Pontevedra foron nomeados para cubrir vacantes de docentes de primaria 52 interinos, dos que 34 están por riba do fixado no catálogo”, sinalou, entre outros casos nos que o persoal supera o establecido. Neste mesmo sentido Vázquez Abad indicou que entre o curso 2008-2009 e o actual 2014-15 o número de coidadores creceu en 140 postos máis, “de xeito que os rapaces e as rapazas que presentan necesidades educativas especiais están mellor atendidos”.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia fixo fincapé na necesidade de adecuar o número de efectivos á matrícula, sendo conscientes de que o sistema educativo está intimamente ligado á demografía, e de que o proceso de revisión dos datos de matrícula para axustar o persoal ao mesmo foi desenvolvido por todos os gobernos. “De feito, este curso hai un 3,2 % menos de alumnado en infantil ca no curso 2013/14”, dixo. A este respecto Vázquez Abad lembrou tamén que este curso só deixaron de prestar servizo educativo por contar con cinco alumnos ou menos 5 escolas unitarias, “a menor redución desde que se teñen datos”, “mentres que o Bipartito chegou a pechar unitarias no rural con 9 alumnos”.
Implantación da LOMCE
No que atinxe á implantación da Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) o conselleiro confiou en que este novo marco legal vai axudar a corrixir o feito de que “malia que en España se destinara un 15 % máis de investimento en educación que a media dos países da OCDE nas últimas décadas, os datos de abandono escolar, de paro xuvenil e de resultados educativos estean moi por debaixo”.
Neste sentido negou calquera tipo de improvisación na publicación e posta en marcha dos novos decretos de Primaria e FP Básica e salientou que a Consellería está a desenvolver nestes meses de outubro, novembro e decembro un plan específico de formación, cun total de 17 xornadas formativas arredor das competencias clave, coas que se formarán 2.550 docentes. Este plan específico de formación do profesorado sobre a LOMCE complétase con outras 13 accións formativas para preto de 1.000 docentes xa programadas dentro do Plan anual de formación; que se suman ás 10 xornadas formativas desenvolvidas no pasado mes de xuño para explicar os novos decretos.
Reforzo da FP
Xesús Vázquez considerou durante a súa comparecencia que a FP básica supón un significativo avance respecto dos PCPI, “ao permitir que o alumnado que remate estes ciclos teña un título oficial, que ten xa os mesmos efectos que o de graduado en ESO á hora de obter un emprego público ou privado. Asemade, estas ensinanzas permiten acceder tamén a unha proba final de ESO e obter este título por calquera das modalidades”.
Así mesmo reiterou a potenciación da FP como unha aposta prioritaria. “De feito, hoxe en Galicia hai máis prazas de FP: case un 55 % de incremento desde 2009, ata un cento de ciclos de nova creación e introduciuse a modalidade de FP Dual. Estamos a ofertar máis prazas da demanda real que demostran as matriculacións”, dixo.
Servizos complementarios
No referido aos servizos complementarios, o conselleiro explicou que o número de usuarios do transporte escolar en Galicia no 2014/2015 increméntase nun 2%, ata os 93.190, tendo en conta que este ano a Consellería está a transportar tamén ao alumnado da FP Básica que se ten que desprazar para cursar estudos fóra do seu concello. A maiores, o departamento educativo da Xunta facilita o transporte escolar de 186 alumnas e alumnos con discapacidades a través de convenios con diferentes entidades.
Outro dos servizos que medrou este curso foi o de comedor escolar, que conta en Galicia cun dos sistemas máis xusto e accesible de todo o Estado español, no que un 78,1% dos usuarios non pagan nada e un 5,3% paga 1 euro ao día. “Convén salientar o feito de que houbo un incremento do 22% de beneficiarios desde 2009 en comedores escolares baixo xestión directa da Administración educativa galega”, dixo o conselleiro.
Asemade, Vázquez Abad estimou que o programa de axudas á adquisición de libros de texto beneficiará este curso a preto de 7 de cada 10 alumnos, que se unen aos 2.300 escolares que contan este ano con libros gratuítos ao abeiro da implantación do proxecto Educación dixital (E-Dixgal).
Un camiño cara a mellora
Malia á situación de crise, o conselleiro non renunciou á mellora progresiva do sistema educativo a través da implantación de diferentes programas tales como o Abalar, que chega xa a 51.150 estudantes; a devandita implantación do E-Dixgal; os contratos-programa en 330 centros; ou o Plan LÍA, no marco do que no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) participan 550 centros escolares.
Neste sentido Xesús Vázquez anunciou que o Plan Proxecta, que coordina e propicia a colaboración en materia educativa entre distintos departamentos da Xunta, ten previsto chegar este curso a máis de 87.000 estudantes. Así mesmo está previsto que o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, que beneficia xa a 85.500 alumnas e alumnos -4 de cada 10 dos matriculados no ensino obrigatorio-, se estenda a etapas do ensino postobrigatorio, nomeadamente no Bacharelato e a FP
“Os tempos que nos toca vivir son estes e non outros. Aquí o que vale é saber que temos un camiño percorrido xa nestes cinco últimos anos, pero que aínda quedan cousas por facer”, dixo o conselleiro, valorando de xeito moi especial o esforzo do profesorado, que “dá o mellor de si para contribuír á mellor formación do noso alumnado”. Neste sentido convidou á oposición a abandonar as críticas sen rigor “porque do que se trata é de sumar esforzos nesta importante tarefa conxunta que é a educación das futuras xeracións de galegas e galegos”.