Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno burelés afirma que “a limpeza de colectores e depósito temporal de residuos do Berbés rematará en breve”

Burela, 8 de outubro de 2014. O goberno do Concello de Burela afirmou este mércores que “as actuacións de limpeza de colectores da zona portuaria e depósito temporal de residuos na zona de O Berbés, que se están levando a cabo, débense a unha situación de emerxencia derivada de causas non atribuíbles ao Concello, como foron unhas choivas que acadaron niveis descoñecidos, que en todo caso contan coa debida autorización da autoridade competente, como non podía ser de outro xeito, e rematarán en breve”.

Desde o equipo de goberno manifestan que “non existe risco algún, nin patrimonial, nin paisaxístico nin para a saúde pública, en contra do que afirma o BNG, ao que por certo non o vimos nin oímos protestar nin denunciar nada cando se produciron situacións similares durante o goberno bipartito local”.

O goberno local confía en que o venres esta situación quede totalmente amañada, rematada a limpeza de colectores, e retirados na súa totalidade os depósitos da zona de O Berbés. Así mesmo, indican que nas próximas semanas se farán públicas as medidas a adoptar para tentar evitar situación coma as que se deron coas treboadas recentes, que causaron asolagamentos. E aseguran: “de feito os veciños directamente afectados son coñecedores de boa parte destas medidas, porque se falou con eles para coñecer de primeira man os danos sufridos e tamén a súa visión sobre as causas das situacións que se deron”.

Finalmente, pídenlle ao BNG “seriedade, cordura, e que non se deixen levar pola tentación de enganar aos cidadáns propagando informacións que non son veraces”.

Exit mobile version