Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno local de Cervo presenta os orzamentos para 2015 que ascenden a 5,2 millóns de euros

Cervo, 10 de outubro de 2014- O goberno municipal presentou este venres, en Comisión Especial de Contas, os orzamentos para 2015, que se debaterán en pleno a principios da semana que vén. Unhas contas que ascenden a 5.218.680,76 millóns de euros, o que supón un aumento do 2% con respecto ao exercicio anterior. Ao mesmo tempo reducirase o gasto corrente nun 9%.

Uns presupostos nos que se incrementa o esforzo inversor, de forma que se destinarán 310.000 euros a investimentos reais, un 30,5% máis que no 2014. Cabe destacar que ao tratarse duns orzamentos prudentes e realistas non se inclúen aqueles fondos que chegarán doutras administración e que permitirán realizar máis investimentos.

En canto ás áreas estratéxicas, tamén se destinan máis recursos que no exercicio anterior. No caso dos gastos en servizos sociais, ascenderán ata os 273.500 euros, mentres para creación e fomento do emprego contémplanse uns 522.000 euros, nos que se inclúen iniciativas pioneiras como a formación dual ou as bolsas para titulados, ambas para a xuventude.

Para 2015 o goberno local seguirá colaborando coas asociacións, concedendo subvencións que se manterán ou nalgúns casos incluso se incrementarán, sen esquecer as axudas aos colexios, as ANPAS ou as familias (libros e material escolar, e transporte).

En canto ao estado das arcas municipais, estes orzamentos falan dunha xestión económica e financeira “responsable”, tal e como a define a edil de Facenda, Yolanda Pedreira, o cal permite falar de estabilidade, ata tal punto que o goberno local conseguiu reducir a débeda bancaria e incluso deixar a cero a débeda cos provedores, aos que lles paga ao día, ou non subir os impostos por terceiro ano consecutivo.

En resumo, explica a edil de Facenda, “seguimos apostando polo emprego, o benestar social e a colaboración coas asociacións sen que isto afecte ao poder adquisitivo dos nosos veciños”.

Exit mobile version