Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno municipal de Foz axiliza o pago ós provedores do concello que prestan servizos básicos

Foz, 17 de outubro de 2014. O goberno municipal de Foz axiliza o pago ás empresas provedoras do Concello que prestan servizos básicos. Explicouno este venres o primeiro tenente de alcalde, Pedro Fernández Manín, en resposta ás declaracións sobre este asunto realizadas polo concelleiro non adscrito Jaime Cancio.

“O señor Cancio, concelleiro desta corporación que pertence agora ao grupo de non adscritos, vai ter nos próximos días todos os informes e copias de facturas que solicitou, como dixo el mesmo publicamente. Por parte deste equipo de goberno damos copias de todos os documentos que nos solicitan, como pode comprobar calquera concelleiro. Todos os reparos que el di que hai por parte de Intervención no pago de facturas corresponden xustamente a servizos básicos, como o de limpeza, o mantemento de instalacións ou a xestión de residuos voluminosos. Con algunhas empresas non se cumpre a prelación de pagos porque se esperamos á orde de pago esas empresas verían moi complicado o seu funcionamento. El sabe perfectamente, porque é posible que tivera algo de influencia nisto, que a algunhas empresas que traballan para ao Concello lles dicía que non ían cobrar e que non se sabía quen sería o alcalde ao mes seguinte. Entón tíñamos que pagarlles para que nos puideran seguir facendo os seus traballos. Todos os pagos que non cumpren a prelación son única e exclusivamente de servizos básicos”, explicou Pedro Fernández Manín.

O goberno municipal focense considera que “o señor Cancio non é a persoa máis indicada para poñernos en dúbida. Primeiro polo que lle ocorreu por onde el pasou politicamente falando, tanto na Delegación de Pesca como no Concello de Foz, cando o seu compañeiro o señor Rivera lle retirou todas as funcións. Ademais nalgúns plenos cando a interventora e a secretaria do Concello lle explican as normativas el contesta quédanme as miñas dúbidas. Dá a impresión de que pretende adaptar a lei ao que el quere. Ademais prexudícalle que paguemos o servizo das escolas deportivas e tamén á guía que puxemos na basílica de San Martiño. Iso é o que lle molesta ao señor Cancio”.

Pedro Fernández Manín engadiu que “esta situación esta causada en parte precisamente porque o señor Cancio foi un dos que non aprobou o pago a provedores e este Concello, co equipo de goberno do Partido Popular, si cumpriu e pagou no tempo que nos marcaron. Entón el ten parte de culpa dos pagos que facemos sen a prelación. Debe pensar un pouco que o Concello de Foz ten que seguir funcionando e este equipo de goberno está comprometido en dar os servizos nestes tempos tan difíciles, o que el non sería capaz de facer”.

Alumeados
O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Rural tamén contestou ás críticas de Jaime Cancio sobre os alumeados públicos: “están igual ou mellor que cando el gobernaba no Concello. Fala dun control no gasto do alumeado público e dixo nun pleno que traía as lámpadas de baixo consumo a 5 euros e que nós estábamos malgastando, o que indica que entende pouco de alumeados. Fala de focos de LED, pero hai que saber o que custan. Tamén dixo que pagamos 30.000 euros pola auditoría eléctrica, pero parece que o señor Cancio non sabe cales son as facturas desa auditoría, mestura outras, porque non custou nin 9.000 euros. Por conseguinte minte cando di que pagamos 30.000 euros por esa auditoría, que detectou claramente que o que tiña que facer o señor Cancio no seu día, cando era primeiro tenente de alcalde, era controlar o consumo da antiga escola obradoiro, que estaba nos estaleiros, porque posiblemente se el controlara o consumo enerxético desa escola obradoiro seguro que poderíamos poñer máis de 100 luminarias completas de baixo consumo”.

Fernández Manín comentou ademais que “chama a atención que agora se dedique tamén a controlar a xustificacións das subvencións da Deputación ao Concello de Foz, dá a impresión de que xa desconfía ata do persoal que ten a Deputación para poder comprobar os xustificantes do Concello, que neste caso os únicos que temos son os da Festa do Berberecho. Estraña que se dedique el a controlar tamén isto en nome da Deputación, porque aquí sempre se xustifican as subvencións con todo e en todo caso quen terá que dicir se está ben ou mal será a Deputación de Lugo, pero xa non sabemos se este señor tamén está na Deputación”.

O primeiro tenente de alcalde remata recomendándolle a Cancio “que se centre e que axude a gobernar para que o Concello de Foz funcione en vez de dedicarse a poñer atrancos todos os días. Que teñan a completa seguridade todos os veciños de Foz de que este equipo de goberno está facendo todos os esforzos para manter os servizos básicos e atender ás empresas nos momentos difíciles nos que estamos”.

Exit mobile version