Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular reitera que o problema das tributacións fiscais dos emigrantes retornados quedará solucionado a partir do 1 de xaneiro

Santiago, 28 de outubro de 2014.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, reiterou hoxe que os problema das tributacións fiscais no IRPF dos emigrantes retornados quedará solucionado a partir do 1 de xaneiro de 2015, cando entrará en vigor a reforma da Lei do imposto sobre a renda. Porén, Puy avogou por unha devolución de oficio das sancións e dos intereses abonados polos emigrantes retornados, que “os deputados e senadores do PP nas Cortes Xerais están intentando que se incorpore á normativa na fase de emendas á modificación lexislativa”.

Pedro Puy recordou que o problema xurdiu no ano 2013 cando na Axencia Tributaria tiveron coñecemento dunhas rendas percibidas por residentes en España e que non eran declaradas. “Desde o primeiro momento intentamos corrixir esta cuestión, de aí a proposición non de lei aprobada conxuntamente neste Parlamento que pedía que non se tratara a estes emigrantes retornados como defraudadores, que non se lles cobraran multas e que non se lles pedise o pago inmediato senón facendo aprazamentos da cota tributaria”, manifestou.

“Considerábamos de xustiza a demanda dos emigrantes retornados e por iso tanto o Presidente da Xunta como a conselleira de Facenda se moveron a todos os niveis”, afirmou . Finalmente, a reforma tributaria que se está a tramitar no Congreso e que entrará en vigor o vindeiro 1 de xaneiro recolle que estes emigrantes non van pagar sancións, que non van pagar intereses, que teñen un prazo de seis meses para regularizar a súa situación, que se vai devolver a aqueles que se cobraron sancións e intereses por unha totalidade de 20 millóns de euros e se vai seguir aprazando o cumprimento das obrigas fiscais atendendo ás circunstancias dos afectados.

Por este motivo, Puy considerou a presentación desta proposición de lei por parte do BNG como “un intento de aproveitar un descontento, que comprendemos e intentamos que se corrixa, cun afán electoralista”, xa que “saben que está en trámite no Senado a reforma lexislativa para que se lle devolva todo o diñeiro de multas, todo o diñeiro de intereses e se suspendan todos os expedientes”.

Tributación igual para todos
Puy afirmou, en contra da proposta feita polo BNG, que “non podemos apoiar unha exención fiscal total das pensións no estranxeiro, porque sería establecer unha nova inxustiza en relación cos demais pensionistas españois que teñen dúas rendas”. Neste sentido, explicou que “as retencións xeran problemas cando a fonte non é nacional e ten que funcionar un mecanismo de información alleo á Administración española: non é o mesmo recibir dúas rendas que suman 20.000 euros e tributar mediante o mecanismo adiantado de retencións en base a que cada pagador retén polos 10.000 euros que tributa, que recibir 20.000 dun só pagador que retén, como consecuencia da progresividade, unha cantidade superior”.

“Estamos a falar de que o noso sistema tributario establece unha obriga de tributar igual para todos, pero cando as fontes son do estranxeiro pode xerar distorsións na súa aplicación”, sinalou o portavoz popular. Ademais, engadiu que “desde o primeiro momento somos conscientes de que estas persoas que non tributaron non eran defraudadores, porque tiñan mala información, porque a Axencia Estatal Tributaria non actuou e, ademais, porque é un colectivo especialmente vulnerable ao descoñecemento por ter vivido fóra de España durante un longo tempo”.

Porén, o portavoz popular lamentou que este proceso “estea a xerar moitas molestias derivadas das inercias da Axencia Tributaria, que, sabendo que a partir do 1 de xaneiro se vai a proceder a esta devolución, aínda segue actuando e non suspendeu as súas accións”.

Exit mobile version