Site icon Crónica3.com A Mariña

O Hospital da Costa concéntrase para esixir responsabilidades, información, formación e recursos ante o ébola

Burela, 10 outubro 2014. Dende a Xunta de Persoal do Hospital da Costa denuncian que existe unha falta de formación e adestramento axeitado do persoal no que se refire a todo o relacionado co virus do Ébola por parte do SERGAS, a pesares dos esforzos de profesionais do centro mariñao que procuran informar e formar cos medios dos que dispón o hospital.

“A percepción do persoal é que o único que fixo a Consellería ao respecto foi colgar os protocolos na intranet do SERGAS e cando algún persoal se interesa pola cuestión, remiten a estes protocolos”, afirman. A isto engade que “sabemos que o papel o aguanta todo, mais por colgar un protocolo na intranet non significa que o persoal estea xa formado. Precísase adestramento ademais de palabras escritas nun papel”.

CRIMINALIZACIÓN DO PERSOAL DO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE
A Xunta de Persoal pregúntase “se a Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, tamén lle vai botar a culpa ao persoal ante un posíbel caso. En vista do ben que se están a facer as cousas, sería algo moi grave, tal e como é o que está a acontecer en Madrid, onde a vítima se converte en culpábel porque o goberno do PP elude responsabilidades”.

Lembran as últimas declaracións da Conselleira, nas que incidía en que “o protocolo está colgado a disposición de todo o persoal” e ante isto consideran que “resoan ecos de querer xustificarse despois nisto para non asumir a súa responsabilidade ante calquera situación e dirixir directamente a culpa ao persoal”.

CARENCIAS POR MOR DOS RECORTES EN SANIDADE
A Xunta de Persoal advirte de que nos centros sanitarios galegos traballan moitas persoas, profesionais formados/as e que co seu traballo diario manteñen a flote a Sanidade Pública, suplindo en moitos casos as carencias ás que se ven sometidos/as por mor dos recortes e políticas de desmantelamento e privatización que este goberno ten por norma aplicar. “Calquera persoa que acuda a un centro sanitario galego pode estar segura de que o darán todo para axudar á súa curación. Mais tamén é necesario que se saiba que o están a facer, no que respecta ao Ébola, mais non só, en condicións indignas, e sen a máis mínima seguridade para a súa saúde”.

Xunta de Persoal do Hospital da Costa.

Exit mobile version