Site icon Crónica3.com A Mariña

O IES Perdouro afonda nas consecuencias medioambientais dos sistemas de extracción do ouro

O xoves 23 de outubro levouse a cabo na Biblioteca do instituto Perdouro de Burela unha actividade de Educación Ambiental coa participación do alumnado de 4º de ESO, e 1º e 2 de Bacharelato. O xornalista Emilio Varela, especialista en temas medioambientais, achegouse ó centro para ofrecer unha conferencia que leva por título “OURO IMPURO: A LOITA POR CORCOESTO” co obxectivo de divulgar a actividade das minas a ceo aberto coñecidas como megaminerías do ouro e de sensibilizalos sobre as graves consecuencias medioambientais que conlevan os sistemas de extracción deste mineral e os efectos sobre a saúde, os seres vivos e o entorno natural.

O conferenciante comprometido pola causa levantou a toma de conciencia entre o alumnado con moitísimos exemplos dos impactos que suporía semellante explotación: un impacto ambiental descomunal que leva a morte, un coste da extracción exaxeradamente elevado, a precariedade laboral a longo prazo, a especulación dos mercados.

En definitiva nesta sesión especial de educación medioambiental, Emilio Varela quixo espertar a conciencia crítica do alumnado plasmada nun problema local galego achegándose non só o aspecto científico do tema, senón tamén o social e as repercusións nas localidades próximas á mina con mobilizacións de parte da poboación debido á preocupación creada.

É un deber de todos defender o noso patrimonio natural, cultural e social e non os intereses económicos e políticos para o enriquecemento dunha multinacional. A mobilización e a loita é posible xa que o 15 de outubro de 2013 a Xunta tivo que cancelar dito proxecto de Corcoesto pola forte presión social.

É obriga de todos evitar que un desenvolvemento económico non sostible remate con boa parte do planeta e da súa calidade de vida.

Exit mobile version