Site icon Crónica3.com A Mariña

O Museo da Fonsagrada acollerá unha exposición do artista barreirense Celso Dourado

Barreiros, 31 de outubro de 2014. O Museo da Fonsagrada acollerá un exposición do artista barreirense Celso Dourado. A mostra, que é unha homenaxe ao Comandante Moreno, será inaugurada o vindeiro 8 de novembro. Ese día desenvolveranse varios actos tanto no cemiterio coma no Concello e no Museo.

Dourado explica que “a inauguración vai a ser o día de novembro 8 no Museo da Fonsagrada, por pura iniciativa da xente que leva este museo. Consiste nunha serie de obras que eu fixen cando descubriron os restos do Comandante Moreno no Alto do Acevo, na Fonsagrada. Eu quedei tan impresionado daquela historia que decidín facer unha serie pictórica alusiva aos feitos que se deron alí no ano 37”.

O artista barreirense conta que “a serie é variable e está composta por unha media de entre 10 e 12 obras que utilizo segundo o espazo do que dispoño. É unha obra moi forte e moi impactante. Utilizo colores tamén para darlle maior realismo e explicación á propia obra que camiña cara onde se desenrolaron os feitos. Desde a organización pedíronme que non puxera data de remate xa que pretenden que estea alí todo o tempo que se poida. Eu calculo que seguramente pase alí as festas do Nadal”.

Celso Dourado lembra que “cara o ano 2006, localizáronse os restos alí de todos os membros do Batallón Galicia, que fora masacrado no ano 37 e enterrado nunha fosa común. Isto quedou tan interiorizado na propia xente, nos habitantes da Fonsagrada que lle compuxeron un romance ao comandante Moreno. A este romance nunca lle deron forma escrita por medo, sempre se transmitía oralmente. Alí na Fonsagrada cando coñeceron a existencia desta serie pictórica, se puxeron en contacto automaticamente comigo para poder levala alí. Eu gustosamente aceptei porque foi un tema que realmente me causou unha gran impresión e organizáronse varios actos. Entre eles unha ofrenda floral que se levará a cabo ás 17:30 da tarde no cemiterio da Fonsagrada, xa que os restos destes represaliados están enterrados neste lugar, e logo no Concello desenrolarase o groso dos actos”.

Neses actos, que terán lugar no Concello da Fonsagrada “non faltarán Mini e Mero cantando precisamente o romance ao comandante Moreno; Brais Monxardín, que é un gran músico que compuxo a banda sonora dun documental que se fixo sobre o comandante e a poetisa Xiana Arias, que é nativa da Fonsagrada. Coma sempre que eu desenvolvo diferentes actos, estará coordinado pola xornalista e actriz Comba Campoy entre outros moitos participantes que se van a dar cita alí”.

Exit mobile version