Site icon Crónica3.com A Mariña

O Museo do Mar inaugura a mostra fotográfica ‘Galicia-Cabo Verde. Unha irmandade’

Lugo, 23 de outubro de 2014. O Museo Provincial do Mar de San Cibrao acolleu este xoves a inauguración da mostra fotográfica ‘Galicia-Cabo Verde. Unha irmandade’ que se pechou coa actuación do grupo burelés Batuko Tabanka, integrado por mulleres caboverdianas residentes na Mariña.

Promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, esta exposición conta co patrocinio da área de Benestar Social, Deporte, Igualdade e Mocidade -de feito, o vicepresidente e delegado de Benestar e Deportes, o nacionalista Antonio Veiga, participou nos actos- e é o resultado dunha viaxe por 6 das 10 illas grandes que forman o arquipélago de Cabo Verde feito en outubro do 2013 polo fotógrafo Rober Amado.

A mostra está formada por 20 paneis a toda cor, con algunhas das fotografías máis significativas que tirou Rober Amado na súa viaxe. Os paneis, de 60×40 centímetros e impresos en cartón pluma de 10 milímetros de grosor, están acompañados po cadanseu pé de foto e 4 rollers informativos complementarios sobre as accións de cooperación que leva a cabo o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Cabo Verde.

As fotografías foron escollidas entre todo o material que Amado recompilou durante o mes que durou a súa viaxe por 6 das 10 illas que compoñen o arquipélago caboverdiano, visitando os principais proxectos apoiados polo Fondo Galego durante os os anos de cooperación neste país insular africano. As súas instantáneas mesturan diferentes ámbitos da vida dos habitantes das illas, ofrecéndonos no seu conxunto a realidade actual do país.

O autor: Rober Amado
Rober Amado naceu en Ferrol no 1985. Licenciado en Psicoloxía, fixo un Máster en Cooperación Internacional e outro en Reporteirismo. É fotógrafo e redactor multidisciplinar, tendo colaborado con diversos medios estatais como El País, La Vanguardia, El Temps, Periodismo Humano, ou galegos como La Voz de Galicia. Un ano despois de gañar o ‘Imaxes con fondo’, no 2013 fíxose co premio ‘Tiflos’ da ONCE na categoría de xornalismo dixital.

A exposición pode ser visitada no museo sancibrense de martes a sábado, en horario de 11 a 14 horas e de catro a sete da tarde; e os domingos, das once da mañá ás dúas da tarde. Os luns a sala permanece pechada.

Exit mobile version