Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade en colaboración coa UNED e Radiofoz organiza o VI Videoforum Mulleres no Mundo

Un ano máis o Observatorio da Mariña pola Igualdade aposta polo cinema como medio para coñecer e profundizar na realidade de mulleres doutros lugares máis ou menos afastados de Galiza. Para VI edición do video-forum Mulleres no Mundo o Observatorio da Mariña Pola Igualdade contará como nas edicións anteriores coa colaboración da UNED e de Radiofoz . Ao remate desta edición serán máis de 30 as películas proxectadas a través das cales o público puido achegarse ao cine de Israel, Afganistán, Irán, Francia, India, Líbano, Serbia, Senegal, Ecuador, EE.UU, Arxentina, Perú, Bosnia Herzegobina, Canadá, Suíza, Arabia Saudita, España..Cinema dirixido na súa maioría por mulleres , cinema recoñecido e premiado pero que moitas veces non chega ás carteleiras das salas da Mariña nin das cidade galegas.

Este VI Video-forum Mulleres no Mundo estará cargado de novidades xa que veremos a primeira película dirixida por unha muller en Arabia Saudita e será a primeira vez que se proxecte unha película española. Como nas edicións anteriores, o Observatorio aposta polo cinema dirixido por mulleres sendo nesta edición 3 as cintas asinadas por directoras. E ao igual que nas últimas edicións, voltarase ao formato do café-debate. O Observatorio repartirá gratuitamente cafés e pastas ás persoas asistentes para axudar a crear un clima distendido no debate posterior ás proxeccións.

O VI Vídeo-forum Mulleres no Mundo desenvolverase no salón de actos da UNED de Foz durante catro xoves consecutivos, a partir do 6 de novembro, en horario de 19 a 21 horas. O prazo de inscrición está xa aberto, e na actividade poden anotarse todas as persoas que o desexen, estándose a tramitar créditos de libre configuración para as persoas participantes. Quen desexe inscribirse na actividade, totalmente gratuíta, debe pórse en contacto coa UNED de Foz, ben escribindo un correo electrónico a foz@lugo.uned.es, chamando por teléfono ao 982133699 ou acudindo presencialmente ás aulas da universidade en Foz (sitas na rúa Castelao, s/n).

Como nas edicións anteriores, as sesións do VI Video-forum estarán guiadas por socias do Observatorio da Mariña pola Igualdade. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme, para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día:

● 6 de novembro: La bicicleta Verde Dirección de Haifaa Al-Mansour. Arabia Saudita

● 13 de novembro: Planes para mañana. Dirección de Juana Macías. España

● 20 de novembro: La fuente de las mujeres. Dirección de Radu Mihaileanu. Bélxica, Italia e Francia.

● 27 de novembro: Las chicas de la lencería. Dirección de Bettina Oberli. Suíza

A continuación, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora sexa condutora das reflexións do grupo.

O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as achegas das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.

Exit mobile version