Site icon Crónica3.com A Mariña

O plan funcional do Hospital da Costa suporá unha ampliación de máis de 4.000 metros cadrados

burela-conselleirasanidadeBurela (Lugo), 6 de outubro de 2014.- A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, visitou este luns o Hospital da Costa para ver o espazo onde se procederá á ampliación deste centro sanitario da rede do Servizo Galego de Saúde. A tal efecto, a Xunta de Galicia comprométese a que nos presupostos de 2015 figure unha partida para a ampliación do hospital.

A titular da carteira sanitaria do Executivo galego estivo acompañada polo xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada da provincia de Lugo, Antonio García Quintáns, así como polo alcalde do concello, José María González Barcia, pola delegada territorial da Xunta, Raquel Arias Rodríguez, polo xerente executivo do Hospital da Costa, Francisco Soriano Paredes, e polo arquitecto que vai realizar o proxecto, Victor de las Casas.

Xa no interior do salón de actos do hospital, a subdirectora xeral de investimentos do Servizo Galego de Saúde, Cristina Enjamio Cabado, dou conta do Plan Funcional do centro que abrangue todas as áreas do mesmo, abordándose, nunha primeira fase, as áreas de hospitalización, consultas externas, gabinetes de exploración, hospital de día médico e nefrolóxico, e loxística e instalacións. Esta fase de ampliación do hospital, no que respecta á área asistencial, representa unha superficie de máis de 4.000 metros cadrados.

Segundo Cristina Enjamio, as variables que definen o novo hospital son a mellora da accesibilidade aos servizos, a alta resolutividade, a simplificación dos procedementos, a continuidade asistencial, a mellora continua da calidade e da eficiencia, así como uns sistemas integrados en información clínica. Nos criterios de planificación, poténciase a atención ambulatoria co aumento de locais de consulta así como de gabinetes de exploración e de postos de hospital de día e, ademais, poténcianse, tamén, os coidados intermedios.

Destacou así mesmo da ampliación, o fácil acceso para pacientes e vehículos, a luminosidade dos espazos, o feito de promover a privacidade, a fácil orientación de pacientes e familiares e a polivalencia dos espazos, todo elo orientado ao paciente e potenciando a centralización e os recursos compartidos, tanto os asistenciais como os técnicos ou os administrativos.

Áreas
Na área de hospitalización ampliarase e remodelarase a mesma para adaptala ás necesidades, coa creación de 24 novas habitacións e a remodelación de 30 habitacións actuais. Na área ambulatoria, en consultas externas, o impulso tamén é considerable coa creación dunha nova área ambulatoria que deixará espazo libre para futuras actuacións no centro.

Na área ambulatoria na zona de gabinetes diagnósticos e terapéuticos, dará apoio ás consultas de alta resolución, pasándose dos actuais 11 gabinetes de exploración a 19. Inclúese nesta área unha nova sala de cirurxía menor.

Créase tamén un hospital de día médico que vén complementar ao hospital de día cirúrxico e de diálise. Xunto con todo o anterior, procederase a unha nova ubicación do hospital de día nefrolóxico mellorándose en accesibilidade e comodidade. Constará de 16 postos de diálise máis locais de consulta, boxes e sala de curas.

Outras actuacións serán na área de admisión e citación, unha nova subcentral térmica, a construción dun novo aparcadoiro subterráneo así como un acceso ao vial de subministros.

Sinalar, por último, que a redacción do Plan Director do Hospital vén de ser adxudicado por un importe de 112.000 euros e un prazo de execución de 4 meses.

Biomasa
Rocío Mosquera tamén visitou hoxe, tamén, o hospital de día de oncoloxía e a nova central térmica do Hospital da Costa, que permitirá comezar a empregar en breve a biomasa como fonte de enerxía neste centro. Nestes momentos estanse a executar as necesarias obras para substituír as antigas caldeiras de gasóleo polas novas caldeiras térmicas para a biomasa, así como a construción do silo. As novas caldeiras emprazaranse nun dos laterais do hospital, no mesmo lugar que antes ocupaban as de gasóleo, pero cuxo espazo tivo que se reformado para acoller os novos equipos e o silo. Nos vindeiros días instalaranse as novas caldeiras e o Hospital da Costa xa poderá empregar a biomasa como fonte de enerxía.

A implantación deste novo tipo de enerxía enmárcase nos plans de eficiencia enerxética para os hospitais públicos do Sergas e do Proxecto Ecospital polo que se vai incorporar a biomasa forestal como fonte de enerxía nos hospitais de Monforte, A Costa e Calde (en Lugo), o que suporá importantes vantaxes, tanto no que se refire a aforro económico, como a redución de emisións contaminantes.

O Hospital da Costa consume ao redor de 160.000 litros de gasóleo ao ano. A substitución deste combustible por biomasa forestal permitirá un considerable aforro económico, ao mesmo tempo que se reducirá a emisións de gases de efecto invernadoiro (CO2) en 420 Tn/ano, só no caso do Hospital da Costa.

O adxudicatario da contratación -Elecnor, S.A.- está a investir máis de 1,8 millóns de euros en novos equipos técnicos, sistemas de almacenamento e de dosificación da biomasa, sistemas de filtración de gases de combustión e bombas de alta eficacia para transporte e regulación da enerxía nos centros de Burela, Monforte de Lemos e Calde.

Antecedentes
A conselleira de Sanidade remarcou na visita de hoxe as actuacións realizadas polo Goberno galego neste centro. Así destacou a creación dunha nova sala de endoscopias dixestivas e renovación da existente, co que se evitan moitos desprazamentos a Lugo e mellórase significativamente a capacidade resolutiva dos profesionais deste centro; a adaptación de novos espazos en urxencias que fixo posible a posta en marcha da área de clasificación Manchester do Servizo de Urxencias; a posta en marcha do servizo de Hospitalización a Domicilio que en menos dun ano xa atendeu a 110 pacientes; ou a reparación dos chans da área cirúrxica (quirófanos, esterilización. Tamén subliñou que estase a rematar a adaptación de espazos para a nova área dedicada a oncohematoloxía.

Facendo balance, nos últimos anos, -remarcou a conselleira- “levamos investidos nesta área, a pesar das dificultades derivadas da crise económica, máis de 2,2 millóns de euros, sen ter en conta as futuras actuacións derivadas do presente plan”.

Como conselleira de Sanidade “estou orgullosa deste proxecto moi positivo para a poboación da Mariña, que disporá dunhas instalacións sanitarias de máis calidade para unha mellor atención, así como para os profesionais do centro, que contarán cun hospital maior e mellor”.

Exit mobile version