Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Viveiro urxe á Alcaldesa unha solución á Avenida Cervantes

O grupo municipal do PP de Viveiro presentou no pleno do 03/07/2014 varias preguntas dirixidas á Alcaldesa sobre a situación en que se encontraba a Avda. Cervantes dentro do casco histórico e paralela á Igrexa de San Francisco en Viveiro, para coñecer as medidas a tomar polo goberno local como consecuencia do calamitoso estado que presentaba e presenta tanto para peóns coma para vehículos.

Con antelación, o noso grupo preguntaba no pleno do 23/09/2009 ao entón Alcalde por esta mesma situación, sendo a súa resposta que o Arquitecto estaba a traballar sobre o mencionado asunto. . Por todo iso levamos a pleno tres preguntas por se a Alcaldesa tenia a ben contestar, algo que só se fixo parcialmente.

As tres preguntas formuladas eran se se finalizara o proxecto que contemplaba a reparación desta Avenida, segunda, se o Goberno local a día de hoxe realizara algunha xestión coas Administracións provincial, autonómica e estatal para un posible financiamento desta obra e finalmente se o goberno local tiña a curto prazo algunha solución para evitar que os peóns e vehículos seguisen a sufrir a situación de deterioración da devandita avenida. A resposta da Alcaldesa limitouse a que eran coñecedores da situación e que había un proxecto en redacción.

Despois de non obter resposta en pleno ás dúas últimas preguntas, podemos informar os veciños que segundo puidemos saber, na actualidade existe un anteproxecto na oficina técnica do Concello cun presuposto de obra de 400.000 euros aproximadamente, moi inferior ao millón de euros que afirmaba o daquela Alcalde nun pleno de Abril do 2013.

En resumo o PP de Viveiro por propia petición e dos veciños, solicitamos unha vez máis o Goberno local que realice as xestións necesarias para buscar financiamento nas distintas Administracións do Estado para poder acometer a urxente reparación desta Avenida (o cal a día de hoxe descoñecemos de xeito oficial que se realizase).

O PP de Viveiro pide o grupo de goberno, unha rápida solución a esta deteriorada situación que non é máis que o fiel reflexo do abandono ao que a Alcaldesa e o seu equipo de goberno teñen sumido o municipio.

Exit mobile version