Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG de Lugo considera que as contas da Xunta “son continuistas, electoralistas e partidistas”

Lugo, 22 de outubro de 2014.- Os deputados autonómicos –Juan Carlos González Santín e Concepcion Burgo- subliñaron este xoves que os Orzamentos que a Xunta de Galicia destinará o vindeiro ano a Lugo son “continuistas, electoralistas e partidistas”. E é que tal e como destacou o secretario Provincial, “non só no traen nada novo para a cidade, a comarca e a provincia, senón que reflicten que o Goberno galego abandona ás 22.202 persoas que se atopan no paro”. Proba delo, asegura, é que a administración autonómica tan só vai investir 679 euros ao ano por parado, pouco máis de 50 euros ao mes; “unha cantidade insuficiente e inxusta para estas persoas que o están a pasar tan mal”.

Neste senso, indicou que están feitos ad hoc para acadar un rédito electoral o vindeiro ano. Proba delo é a partida que recibe o concello de As Nogais por parte da Consellería de Medio Rural para a mobilidade de terras agrarias improdutivas deste municipio. En total, máis de 3 millóns de euros. É dicir, que este concello, con tan só 117 hectáreas en Monte de Man Común, vai percibir o 10% do presuposto que este departamento destina a toda a provincia. Pero, o máis grave, salientou Santín, xurde “cando se coñece que o custo medio para poñer en valor este tipo de terras se sitúa entre os 3.000 e os 4.000 euros; unha cantidade 7 veces inferior ao que lle correponde a este municipio, e que se sitúa en máis de 26.400 euros por ha. Cremos, por tanto, que se trata dunha cantidade desproporcionada se temos en conta que estes cartos se poderían adicar a subvencións e aos deslindes que a Xunta de Galicia non realiza, pero que está obrigada a facer por lei”, indicou.

Incumprimentos sistemáticos na cidade de Lugo
Os socialistas fixeron estas valoracións logo de coñecer o investimento que prevé investir en Lugo o Goberno galego o vindeiro exercicio, e que diminúe, segundo apuntou Concepción Burgo, un 54,5% con respecto ás de 2014. Concretamente, para proxectos na cidade, a Xunta contemplaba na anterior anualidade máis de 16 millóns de euros e, este ano, tan só dedica algo máis de 7 millóns.

Pero é que, ademais, son “un orzamentos de publicidade e de propaganda”, pois corresponden a actuacións, que foron prometidas polo titular autonómico ano tras ano dende que chegou á presidencia da Xunta, e que volven a ser comprometidas en 2015: implantación no HULA dos servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear no HULA; rehabilitación do Cuartel de San Fernando; construción do Museo da Romanización; remate do Plan Paradai; execución da Ronda Leste; finalización do corredor Sarria-Monforte; atracción de empresas para o polígono da Gándaras e chegade do AVE a Lugo, prometida polo presidente da Xunta en 2009 cando ofrecía un mitin na cidade.

Destas actuacións, que suman un total de 192 millóns de euros, segundo a cantidade presuposta nos últimos cinco anos, tan só rematou ao 100% dúas: o polígono das Gándaras, que foi inaugurado en 2010, e o hospital Lucus Augusti, que abriu as súas portas en 2011. As restantes, ou ben nin se iniciaron ou teñen un escaso grado de execución:

– Cuartel de San Fernando. Só presupostou en 2010 400.000 euros. A Xunta non executou nin un só euro. “Unha actuación claramente indigna da Xunta de Galicia e falta de toda lealdade institucional, pois había un convenio a través do que o Goberno galego se faría cargo desta infraestrututura”, destacou Burgo.

– Museo da Romanización. Só presupostou en 2010 615.000 euros, dos que non executou ningún.

– Plan Paradai. Neste caso, o Gobero galego “infrinxe claramente o convenio asinado. Non hai unha última fase, como moito só se vai a realizar a ponte”, indicou.

– Ronda Leste. A cantidade consignada ascende a 259.270 euros. Tampouco se fixo nada ao respecto.

– Parque empresarial das Gándaras. O polígono está rematado, pero tan só conta cunha empresa instalada.

– Hospital Lucus Augusti. Está rematado pero segue sen as dotacións de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear. Neste caso, a deputada autonómica lembrou que “a ponencia sobre a ILP dos veciños de Lugo tiña que estar elaborada, pero a Xunta tena parada. Tan só nos reunimos unha vez, o 20 de xuño e, a partir de aí, non volveu a convocarse. O Partido Popular o que quere é dilatar os prazos para non dar cumprimento á súa promesa”, destacou.

– Auditorio de Lugo. Esta infraestrutura está en obras, “pero nin tan sequera estará rematado este ano, pois os Orzamentos inclúen unha partida para 2016, algo que xa dixemos os socialistas, a pesares de que o Sr. Hernández reiterou que nós non tiñamos razón e que ía rematarse en 2014”.

– AVE a Lugo. Non aparece incluída ningunha partida en ningunha anualidade, malia ser prometido por Feijóo en 2009.

– Antiga residencia. “Non hai absolutamente nada, a pesares de que as diversas conselleiras prometeron un PAC e un laboratorio de referencia para este edificio. Este incumprimento supón un grave quebranto dende o punto de vista económico e social para o barrio”, lembrou a deputada socialista.

– E, o investimento do IES de As Mercedes, repítese como mínimo dende 2012.

“As mentiras do Sr. Castiñeira”
Neste senso, Concepción Burgo denunciou que, “o Sr. Castiñeira tivo que inventarse cousas porque isto non sumaba; cuestión que demostra que moita influencia na Xunta de Galicia non ten, a pesares de ser deputado autonómico”. Concretamente, o voceiro do PP no concello de Lugo “inventouse” os 2,5 millóns para a investigación do Campus. “Pero eu lle digo que é unha mentira, e o repito claramente. Non existe ningunha partida. Isto é substraído do plan de financiamento do sistema universitario galego e do que lle corresponde á Universidade de Santiago de Compostela. El fai un cálculo, pero o que hai son recortes e carencias que provocan una progresiva perda de calidade na educación universitaria”.

Polo que respecta á Cultura, “di o señor Castiñeira que se vai investir 783.000 euros. Isto tampouco é certo, porque se un suma todas as partidas que destina a Xunta a toda a provincia tan só suman 332.000 euros”. Por tanto, “só nos queda concluír que son uns Orzamentos escasos, indignantes, frustantes e cheos de propaganda, ao tempo que demostran que o Partido Popular, co Sr. Castiñeira á cabeza, non ten credibilidade. Nin tan sequera a Xunta de Galicia lle axuda para conseguir a alcaldía”, afirmou Burgo.

Exit mobile version