Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE da Mariña considera que os Orzamentos da Xunta “son unha pantomima e unha nova burla aos cidadáns”, ao non incluír o remate da VAC e da ampliación do Hospital, e ao reducir nun 15% as achegas de Medio Rural

BURELA, 23 DE OUTUBRO DE 2014.- Os deputado autonómico –José Ramón Val Alonso-, e a coordinadora do Partido na Mariña –Mayra García-, acompañados de voceiros do PSOE na Mariña, manifestaron este xoves que os Orzamentos que prevé investir a Xunta de Galicia en 2015 na comarca son “unha pantomima e unha nova burla aos cidadáns, e marcan a folla de ruta dun Goberno que continúa sen ter previsións para a comarca, pois nin inclúen o remate da VAC nin da ampliación do Hospital, nin ninguna outra actuación relevante no conxunto da Zona”.

Neste senso, tal e como indicou Val Alonso, as contas presentadas polo Goberno galego confirman que esta administración “aposta polo continuismo”, e que, no caso da Mariña, “significa seguir tendo un centro hospitalario pequeno, que non chega para atender ás necesidades da poboación, así como un importante déficit de infraestruturas viarias. En definitiva, o que fan é certificar que a visita realizada hai poucos días polo presidente da Xunta da man do deputado autonómico, o Sr. Balseiro, non foi máis que unha farsa, xa que o ritmo inversor de 1 millón de euros para o Hospital, cando eles mesmos a cifraron en preto de 20 millóns, supón que nos próximos 7 ou 9 anos non haberá ampliación. Para a Vía de Alta Capacidade acontece o mesmo, 6 millóns para unha obra que o Goberno galego sitúa nos 54 millóns. Con isto, calquera cidadán pode comprobar que non hai un compromiso forte para rematar estas infraestruturas nun prazo razonable de tempo”, destacou.

Un 15% menos nos fondos de Medio Rural
Asimesmo, suliñou que as contas autonómicas confirman tamén o abondono por parte da Xunta dos sectores produtivos, pois o agro, a pesca, e o turismo, “son totalmente obviados pola administración autonómica, ao non incluír ningunha partida relavante para fomentar algunha actuación neste eido”. É dicir, “que se a Mariña resiste é polo empuxe e o esforzo dos seus cidadáns, non polo esforzo nin polo compromiso de Feijoó e de deputados mariñáns coma Balseiro”, destacou o voceiro de Pesca no Parlamento galego.

Proba delo, é que a aportación da Consellería de Medio Rural descenderá o vindeiro ano preto do 15% e, no referente ao investimento para a pesca, esta diminución ascende a 35 millóns de euros. “É dicir, que dous sectores vitais para a comarca como son o agro e a pesca, ademais de non aparecer con ninguna partida de carácter nominativo, van a sufrir uns recortes brutais”, incidíu.

Cativa aportación para Servizos Sociais e Educación
Os socialistas lamentaron, ademais, que tampouco exista ningunha actuación relevante en Servizos Sociais e atención a menores. E é que nos Orzamentos non aparece consignada ningunha aportación para novas residencias da terceira idade, mais alá dunha partida de 350.000 euros para a de Foz, “pero que nin tan sequera vai a servir para rematala, pois o custe total ronda o 2,5 millóns”. Neste senso, e a pesares de que cada ano as listaxes de espera para as escolas infantís aumentan nos concellos, o Goberno de Feijóo tampouco prevé ningún investimento para a construción dalgún centro destas características; cuestión esta última que tamén foi denunciada polos socialistas.

Exit mobile version