Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Barreiros alerta de que “veciños de varias parroquias non poden beber das billas nin ducharse por mor da suciedade da auga”

BARREIROS, 18 DE OUTUBRO DE 2014.- Dende este xoves, veciños de varias localidades de Barreiros non poden beber auga das billas, nin empregala para ducharse, debido ao algo grao de suciedade que trae. Deste xeito, a cor amarillenta e incluso a presenza de terra fan que o subministro non sexa óptimo para o consumo doméstico. Por este motivo, a secretaria Xeral do PSOE neste municipio –Carmen Veiga- esixe ao alcalde que poña fin a esta situación e que garanta a salubridade da auga a todos aqueles cidadáns que, cada vez que aparecen as primeiras choivas, teñe que deixar de consumila. “É dicir, que se queremos beber ou ducharnos non nos queda máis remedio que ir ao supermercado”, denuncia.

Para a socialista resulta “indignante” que, malia criticar esta cuestión en varias ocasións, o goberno local continúe “facendo caso omiso das nosas queixas e as de tantos veciños que, cada ano, se atopan con esta situación”. Neste senso, considera que se trata “dunha clara deixación de funcións por parte do rexedor, pois, por outro lado, ben que subiu as taxas de abastecemento…”. Concretamente, Carmen Veiga precisa que “en Barreiros pasamos de pagar algo máis de 20 euros a 35, é dicir, o Sr. Fuente Parga aumentounos o recibo un 43%. Así é como xestiona o Partido Popular de Barreiros. Auméntanos os impostos e déixanos sen un servizo básico”.

Queixa reiterada
Os problemas co abastecemento son, segundo afirma a socialista, “unha queixa reiterada” da cidadanía. Neste senso, lembra o episodio acontecido este verán nalgunhas parroquias como a de Santiago de Reinante, e cuxos veciños soportaron continuos cortes no subministro de auga durante o período estival.

Estas interrupcións producíanse maioritariamente pola mañá e pola noite, aínda que tamén se rexistraron nas horas centrais do día. Para a secretaria xeral da agrupación do PSOE neste municipio esta foi unha situación “absolutamente bochornosa”, xa que o rexedor, en diversas ocasións e en distintos Plenos municipais, se comprometeu a buscar unha solución a dito problema.

“O alcalde segue faltando á súa palabra. O certo é que a iso xa nos ten acostumados, pero o que resulta intolerable é que teña neste estado aos seus veciños. Nas vacacións, que é cando máis xente visita a Mariña, hai cortes e, cando comezan as choivas, a auga deixa de ser apta para o consumo pola suciedade que trae. Pedimos ao Sr. Alcalde que arranxe o problema dunha vez por todas. Garantir o subministro é unha obriga do concello e, máis concretamente, do seu dirixente. Cremos que un alcalde ten que estar para ser útil aos cidadáns, non para crearlles problemas. E isto último é, precisamente, o que fai continuamente o Sr. Fuente Parga”, conclúe.

Exit mobile version