Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE esixe a Rajoy un “Goberno decente” cos parados sen prestación e repróchalle que “os custos dos seus recortes en desemprego” os traspase ás Comunidades Autónomas

Madrid, 30 de outubro de 2014. – O Secretario na Comisión de Emprego e senador por Lugo, Ricardo Varela, reclamou a Mariano Rajoy que o seu Goberno teña un “comportamento decente” cos parados sen prestación e reprochoulle que “os custos dos seus recortes en desemprego” llos estea a traspasar ás Comunidades Autónomas”, recaendo nos servizos sociais destas.

Na súa intervención ante o pleno da Cámara Alta, en defensa dunha moción socialista, Varela desmentiu os datos do Goberno, asegurando que “non” se está a crear emprego, simplemente estase a torar o existente” e fixo fincapé en “non hai máis traballo, senón que en realidade, hai menos pero repartírono”.

Neste sentido, o senador galego mostrou a súa estrañeza cando o Goberno fala de crecemento de emprego “cando os datos oficiais (EPA e contabilidade nacional) indican que perdemos catro millóns de horas semanais con respecto ao ano anterior”. Na súa opinión, o verdadeiro obxectivo da reforma laboral era modificar a distribución da riqueza entre salarios e beneficio empresarial. “Conseguiron os seus obxectivos. No período entre os anos 2011 e 2014, os salarios perden 46.2000 millóns de euros mentres que os excedentes empresariais (beneficio) crecen en 15.700 millóns de euros, lamentou.

A liña seguida, Ricardo Varela subliñou que, na actualidade, hai 846.115 parados máis que no ano 2011 e indicou que en España se contabilizaban 7.772.860 cidadáns que demandan emprego entre parados, traballadores a tempo parcial que buscan xornada completa e traballadores “desanimados” que xa non se inscriben no INEM.

Ademais, Varela recriminou ao Goberno que executase, de novo, un brutal recorte ás prestacións por desemprego en 2015 cunha rebaixa de 4.427 millóns de euros menos que no presuposto anterior, un 15% menos.

Para o senador do PSOE, “é inconcibible que, con case un millón de parados máis que en 2011, se dedique un 23% menos para protexer a este colectivo (en total, 7.506 millóns de euros menos no presuposto de 2015 respecto ao de 2011) e recalcou que resulta “lamentable que o Goberno elimine un de cada tres euros dedicados a políticas de emprego”.

Insistiu en que a Ministra e o Presidente do Goberno non poden negar que no segundo trimestre de 2014, no que presumiron de crear 400.000 postos de traballo, a realidade, segundo a EPA e a contabilidade nacional, é que se perderon catro millóns de horas semanais respecto a 2013. Neste punto, especificou que mentres crece o número de empregos nun 0,9%, baixa o número de horas traballadas nun 0,7%.

Tras facer fincapé na gran mentira do Executivo do PP sobre “o crecemento e as raíces vigorosas”, Varela expuxo que “nos últimos 12 meses que sinala a EPA do segundo trimestre caeu en 210 millóns de horas respecto ao ano anterior” e engadiu que “a EPA do terceiro trimestre confirma a transformación de traballo a tempo completo en traballo a tempo parcial, e de traballo fixo a traballo precario”. Por iso, Varela ironizou afirmando que “as raíces vigorosas da nosa economía, das que falaban Rajoy e Báñez están secas”.

O senador do PSOE mostrou a súa satisfacción porque tamén hoxe -coincidindo precisamente co debate da moción socialista- o Consello Económico e Social (CES) acaba de reclamar un “ambicioso” plan de choque para combater o paro de maiores de 45 anos e presentou un informe propoñendo rebaixar a idade mínima de acceso ao subsidio especial para maiores de 55 anos e redeseñar a RAI e a xubilación parcial.

Finalmente, a proposta socialista foi rexeitada pola maioría absoluta do Grupo Popular con 153 votos en contra, fronte aos 95 votos a favor do resto dos grupos parlamentarios da Cámara.

Exit mobile version