Site icon Crónica3.com A Mariña

Os 53 nenos da escola infantil Nosa Señora da Purificación de Foz estrean novas instalacións

escola-fozFoz, 6 de outubro de 2014.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, acompañou ás 53 nenas e nenos da escola infantil Nosa Señora da Purificación de Foz, que na xornada deste luns estrearon “unhas instalacións renovadas, logo dun importante esforzo por parte da Xunta, a través da Consellería de Traballo e Benestar, que financiou a modernización da estrutura deste centro mediante un investimento de máis de 105.000 euros”.

Arias, acompañada polo alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, compartiu a xornada cos nenos que inician a semana neste centro, no que como indicou remataron nas últimas datas os traballos de mellora dispostos polo departamento de Traballo e Benestar.

A representante do Executivo galego expuxo que as actuacións que se levaron a cabo supuxeron “a substitución dos forxados existentes do edificio, co que se facilitou unha mellora das condicións das instalacións das que dispoñen os usuarios deste centro”.

A delegada territorial subliñou tamén “o esforzo” do Executivo galego para facilitar a conciliación familiar, para o que “incrementou no último lustro en máis dun 40% o número de prazas na rede Galiña Azul na provincia de Lugo”.

Arias asegurou que “imos seguir traballando na provincia, con dous proxectos importantes: unha escola infantil en Burela, con máis de 40 prazas, e estamos buscando un emprazamento axeitado para facer unha escola infantil de Lugo, con preto de 90 prazas, a través do convenio asinado coa Fundación Amancio Ortega”.

A representante do Executivo galego asegurou que na actualidade a Xunta oferta na provincia de Lugo a través das escolas infantís da rede A Galiña Azul 940 prazas. “Máis da metade delas, en concreto o 51,7%, corresponden á comarca da Mariña”, afirmou a delegada territorial. Así, subliñou que na comarca hai oito escolas infantís, que ofrecen 486 do total da provincia.

Novidades neste curso
Arias apuntou que con este novo curso introdúcese como novidade a exención total de cota a partir do segundo fillo ou filla matriculado na mesma escola infantil para familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais.

Tamén estarán exentos os menores con medidas administrativas de tutela ou garda en situación de acollemento familiar. Esta medida está recollida no Decreto 91/2014, do 17 de xullo, polo que se modifica o Decreto 49/2012 do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Xunta.

A exención de cota a partir do segundo fillo ou filla forma parte do Plan para a dinamización demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020, aprobado no Parlamento de Galicia o ano pasado co obxectivo de acadar a rexeneración demográfica de Galicia. Este documento recolle ata 69 medidas para actuar de maneira eficaz, sostible e coordinada mediante un conxunto de estratexias de carácter transversal para atallar o problema da demografía na Comunidade autónoma.

Exit mobile version