Site icon Crónica3.com A Mariña

Os Aventados organizan unha charla sobre as orixes do porto de San Cibrao

O vindeiro sábado, 4 de outubro, ás 12.00 horas, na Casa da Cultura de San Cibrao, darán comezo as actividades do programa cultural que coordina Os Aventados, co título de “Galegos e Mariñanos”.

Nesta ocasión, intentarán achegar aos asisntentes á charla as orixes do porto de San Cibrao, pertencente á parroquia de Santa María de Lieiro, do Concello de Cervo, na antiga provincia de Mondoñedo. Partirase dun lugar descrito como Illas San Cyprianus, posiblemente recolleito por Claudio Ptolomeo como Arquipélago Trileucos, e cuxa presencia na cartografía sobre a Galicia do Cantábrico, é unha constante.

Os achados arqueolóxicos no lugar denominado como Punta Atalaya ou Porto de Arriba, indican a existencia dun Castro Celta mariño, sobre o que logo asentará a cristianización mediante a capela dedicada a San Cibrao, e moito máis tarde un faro(1864) e un peirao(1939).

A colaboración presente do grupo Mariña Patrimonio, permitiranos saber a antigüidade do Castro, as súas dimensións, as relacións dos seus poboadores con outros pobos de navegantes.

A charla, acompañada de proxeccións, será unha oportunidade para coñecer as nosas orixes no mundo antigo, así como o patrimonio histórico que atesouramos, coas súas posibilidades de divulgación e os deberes de conservación de tal tesouro.

A charla acompáñase de debate e conclusións que faremos públicas, sobre todo polo que significa dispoñer dun lugar cuxo tratamento científico pode ser unha fonte de visitas, do mesmo xeito que sucede en lugares como Castro Baroña en Barbanza.

Galicia non só é: praias, portos pesqueiros, belezas naturais como as que gozamos na Mariña, é tamén historia, lendas, dereito á conservación do medio e dos nosos vestixios culturais, para saber quen somos e de onde vimos, nun claro compromiso identitario.

Exit mobile version