Site icon Crónica3.com A Mariña

Os gravados de Axel R. Okelmann e as “Cousas” de Xan Xe enchen a sala de exposicións da Casa da Cultura de San Cibrao

expo-cervoCervo, 6 de outubro de 2014- Unha nova exposición chega á Casa da Cultura. Neste caso trátase das obras de dous artistas, con coleccións creadas de forma independente pero amosadas para esta ocasión coincidindo no espazo e no tempo. Así, ao longo do mes de outubro o alemán Axel R. Okelmann exhibe os seus gravados mentres o pontedeumés Xan Xe reúne as súas obras baixo o título “Cousas”.

Axel R. Okelmann é enxeñeiro mecánico de formación, traballou como examinador de patentes en Munich, ocupación que combinou coa súa paixón, o ocogravado, na que se formou e comezou a experimentar hai xa 32 anos. Tras a súa xubilación, dedica o tempo libre a perfeccionar a súa técnica e fixou a súa residencia en San Román do Val (O Vicedo). No caso das obras que se poden ver na Casa da Cultura, son creacións dos últimos 10 anos, nas que predominan os gravados relacionados coa realidade galega, a vexetación frondosa, a arquitectura típica ou os paraugas.

En canto a Xan Xe (Xoán Xesús Corral Paz), é un artista autodidacta e multidisciplinar, que comezou a interesarse pola arte con 16 anos, probando con diferentes técnicas (debuxo, pintura, técnicas mixtas, escultura, fotografía ou escultopintura entre outros). Durante estes anos as súas pezas evolucionan á velocidade da súa curiosidade, predominando nelas as paisaxes e a familia como temática e o cubismo e o surrealismo como estilos pictóricos.

A edil de Cultura, Begoña Alonso, e ambos artistas, acompañados de numeroso público, participaron na inauguración desta exposición dobre, que se pode visitar de luns a venres de 9 a 13:30 e de 17 a 20 h. ata o 28 de outubro. Alonso destacou a importancia de “abrir las puertas de los edificios públicos a los artistas para ofrecerles un espacio donde dar a conocer sus obras y al mismo tiempo que los vecinos y visitantes tengan la posibilidad de disfrutar de la cultura”.

A responsable de Cultura lembra que o municipio dispón de numerosas salas de exposicións, tanto en San Ciprián como en Cervo e Sargadelos, e que cada unha delas ofrece diferentes posibilidades en canto a espazo e configuración. “Nuestra intención es seguir trabajando para llenar de contenido esas salas, fomentar la cultura y hacer posible que tenga un papel importante en nuestra sociedad”, remata.

Exit mobile version