Site icon Crónica3.com A Mariña

Os nenos e as nenas de 4º de primaria dos dous CEIPs de Burela participarán nunha campaña de sensibilización sobre a cooperación e a solidariedade

Burela, 20 de outubro de 2014.- Os días 21 e 29 de outubro os rapaces e as rapazas de 4º de primaria dos CEIPs Vista Alegre e Virxe do Carme participarán nunha campaña de sensibilización sobre a cooperación. A actividade está organizada pola Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade, como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Segundo explica Diana Durán “o que imos realizar eses días cos monitores da Ong Ecos do Sur – Mestura é unha actividade de sensibilización cos máis pequenos”. A edil popular sinalou que “nestes momentos estase realizando un proxecto de cooperación en Mozambique e este vai vinculado a unha tarefa de sensibilización en Galicia co fin de achegar temas relacionados coa cooperación e o desenvolvemento”.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade indicou que “as sesións do obradoiro son sobre a aproximación doutras culturas e sobre a desigualdade na distribución entre os diferentes países e as causas da pobreza, tratando ademais valores medio ambientais, de reciclaxe e de educación para o desenvolvemento”.

Exit mobile version