Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares acusan a Campos de actuar con torpeza tras permitir a perda de entre 4 e 6 postos de traballo para o seus veciños por renunciar ás brigadas forestais

A Pontenova, 24 de outubro de 2014.- O portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular da Pontenova, Jorge García, acusou este venres ao rexedor socialista Dario Campos de ser o responsable directo da perda de entre catro e seis postos de traballo para os veciños do seu municipio tras confirmarse no Parlamento -nunha resposta ao deputado popular Jose Manuel Balseiro- que o rexedor renunciou á creación da brigada forestal subvencionada pola Xunta.

Os populares non logran comprender como Dario Campos defende esta actuación tan irresponsable que privou a este concello desta oportunidade laboral, financiada nun 75% polo goberno galego e especialmente importante na actual situación de crise. Tampouco entenden desde o PP que o alcalde socialista presuma de restar medios e capacidade na loita contra os incendios forestais.

“Esiximos ao alcalde que non intente despistar aos veciños, que non nos minta. Porque as brigadas forestais non fan o mesmo traballo que os GES. E ademais hai moitos veciños deste concello en paro que poderían ser contratados para cubrir este novo servizo e que perderon esta oportunidade pola torpeza e o capricho do alcalde”-dixo García

Os populares lembran que os GES con base na Pontenova é un servizo compartido con outros concellos, mentres que de terse solicitado a brigada forestal actuaría en exclusiva neste concello. Ademais as brigadas non só se encargan de actuar en situacións de emerxencia, extinguindo os incendios forestais que poidan producirse, senón que tamén realizan funcións, como desbroces, limpezas de montes e terreos públicos, esenciais na prevención de futuros lumes

Jorge García conclúe lembrando que a posta en marcha das brigadas forestais non debe ser tan mala cando máis do 95% dos alcaldes da provincia teñen solicitado e aproveitado este servizo subvencionado pola Xunta, incluído moitos alcaldes socialistas, que tamén tiñan un GES con sede no seu municipio.

Exit mobile version