Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas non apoian a proposta orzamentaria para 2015 do goberno xa que “seguen sen apostar por un plan de emprego co que activar a economía local”

CERVO, 17 DE OUTUBRO. Os socialistas de Cervo non apoiaron a proposta orzamentaria para 2015 presentada no pleno deste xoves polo equipo de goberno, pois consideran que “son unha contas que seguen obviando un Plan de Emprego co que activar a economía local e afrontar o paro no noso municipio e que se esquecen de calquer política social que axude a combater a situación económica pola que atravesan a día de hoxe moitas familias cervenses”.

Neste senso, dende o Grupo Municipal Socialista, aseguran que “non é lóxico que o 80% do orzamento se destine ós capítulos 1 e 2, persoal e gastos correntes, e só se reserve o 10% dos mesmos, ós capítulos 4 e 6, os que realmente nos poderían dar marxe de maniobra e capacidade de actuación para unha dinamización económica real”.

Precisamente, en canto a persoal se refire, os socialistas insisten en que “nun concello de escasos 4.500 habitantes, o alcalde ten que cobrar pola súa labor de goberno pero non se poden sumar a unha adicación exclusiva, dúas parcias, dous salarios encubertos en conceptos de dietas, un gabinete de prensa e un programa de radio. E tampouco é comprensible que contando cun total de 107 traballadores municipais ós que se adica o 48% dos orzamentos, vexamos de forma pasmosa cómo non se lle saca ningún tipo de rendemento a este potencial de recursos humanos. Por exemplo, non podemos admitir que tendo un técnico administrativo de cultura e deportes, un técnico auxiliar de cultura e dous técnicos diplomados con función polivalente, se paguen facturas a unha persoa de 1.000 ou 1.300 euros en concepto de organización de actividades, exposicións, excursións, programas como o Pasatempos ou eventos de verán”.

Plan de emprego
Os membros do GMS cren un ano máis na “inmensa necesidade de apostar e traballar por un Plan de Emprego que dinamice a economía local e facilite a inserción no mundo laboral dos veciños que así o precisen e sobre todo, de persoas adultas que perderon o seu emprego, con idades complicadas e perfís moi concretos”.

Por isto, preguntaron no pleno sobre este asunto e “tivemos que oir con estupor que lle adicaban ó fomento do emprego 522.000 euros cando a realidade é que lle destinan exactamente 149.000,78 euros, sendo case a mesma cifra que o ano pasado. Minten, xa que o único que fixeron foi aumentar unha partida con previsión de postos de traballo segundo as necesidades das distintas áreas municipais, incrementan as cifras do capítulo 1 pero así non se fomenta o emprego”.

En canto ós mínimos esforzos do PP por potenciar o comercio e a economía local, remataron dicindo que “por riba, contemplaron a aplicación dunha suba na ordenanza fiscal da taxa por ocupación de dominio público básicamente para os postos ambulantes que asisten ó mercado semanal, se está en decadencia, así mermarán moitísimo a asistencia de comerciantes e afectará, como non, ó resto dos locais cervenses”.

Políticas sociais
Ademais de afrontar o problema do desemprego, os socialistas ven “escasas as cifras destinadas á emerxencia social e alertan de que non vale de nada facer previsión se despois non se executa, este ano, contaban con 15.000 euros e non se executou nin o primeiro céntimo. Son moitas as familias que non chegan a fin de mes, que non poden pagar o recibo da luz, a hipoteca ou o comedor escolar dos seus fillos. O goberno do Partido Popular é coñecedor desta situación pero mira para outro lado e mantén intacta esta partida”.

Repartos con pouco criterio
Por último, a revisión dos orzamentos presentados fortaleceu aínda máis a postura dos socialistas ó comprobar datos tan dispares como que “se destinen á Asociación de Xubilados 2.000 euros mentres se dan 700 á ACIA. Que de dúas asociacións de mulleres que temos no concello, se dé a unha 500 euros e á outra 1.500. Se diminúa a partida destinada ós bonos de transporte mentres se incrementan os premios para o Entroido, se aumente o gasto de SOGAMA en dous anos un 45% chegando a pagar un total de 45.000 euros anuais por unha mala xestión dos residuos ou se reduzan as partidas para o mantemento e reparación de todo o concello mentres se gasta a friolera de 165.000 euros en propaganda, publicidade e gastos diversos”.

Con isto, “non queremos dicir que non se aporten cartos á Asociación de Xubilados ou ás asociacións de mulleres pero sí esiximos que o criterio sexa o máis serio posible. A decisión non pode estar influenciada porque unha das concelleiras pertenza á directiva dunha das asociacións ou porque teñamos máis amigos nunhas ca noutras”.

Por todo, o Grupo Municipal Socialista coincide en que “seguiremos solicitando o Plan de Emprego que tanto levamos reclamado como ferramenta imprescindible para solucionar o principal problema dos nosos veciños e a aposta decidida e real polas políticas sociais”.

Exit mobile version