Site icon Crónica3.com A Mariña

Os traballadores da Deputación de Lugo recuperan a paga extra de 2012

Lugo, 29 de outubro de 2014.- A Deputación de Lugo convírtese na primeira deputación galega en devolver a paga extra de decembro de 2012 a todos os seus traballadores. Estes veñen de percibir esta mesma semana, xunto coa súa nómina de outubro, a máxima cantidade que a día de hoxe a Lei permite abonar. Así, un total de 487 empregados do organismo lugués -tanto persoal funcionario como laboral-, teñen xa recuperado a parte correspondente a 44 días, do 1 de xuño ao 14 de xullo de 2012, o que suma un total de 226.000 euros.

Co ingreso desta parte proporcional cúmprese o anunciado o pasado mes de setembro polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, quen avanzou que todos os traballadores da institución provincial recuperarían o 25% da paga extra “que en decembro de 2012 foi incautada a todos os traballadores públicos da Deputación, e de todas as administracións deste país, por unha decisión do Goberno de Rajoy, secundada en Galicia polo Goberno que preside Núñez Feijóo”.

En canto á cantidade restante, as previsións do Goberno provincial son que esta poida ser devolta a principios de 2015, de xeito que os traballadores públicos da Deputación “teñan recuperado a totalidade dos cartos que o Goberno de Rajoy lles quitou”, tal e como destacou o Presidente no seu momento.

Compromiso cumprido
Gómez Besteiro subliñaba daquela que, coa decisión de reintegrar aos traballadores da Deputación de Lugo o 100% da paga extra suprimida por Rajoy, “chegaremos ao final dun camiño moi longo”, no que dende un principio os responsables do Goberno provincial defenderon as condicións laborais e os dereitos adquiridos polos traballadores da Deputación.

Ese camiño deu comezo en setembro de 2012, cando o Pleno acordou, co voto en contra dos deputados provinciais do Partido Popular, solicitar á Consellería da Presidencia que pedira ao Consello Consultivo un dictame acerca da intención da Deputación de compensar dalgún xeito a supresión desta paga sen incurrir en ningunha ilegalidade ou fraude de lei. Este compromiso materializouse nun Acordo Sindical maioritario e sen votos en contra, no que o Goberno provincial se comprometía a restituír a paga extra de decembro de 2012 o antes posible, o que vén de suceder este semana.

Exit mobile version