Site icon Crónica3.com A Mariña

Os traballadores do porto de ALCOA consideran moi escaso o protocolo que se aplica contra o ébola

San Cibrao, 20 de outubro de 2014.- Nas charlas que se están a impartir no porto de ALCOA, en referencia á prevención do virus ébola, os traballadores do porto, ben sexa equipo propio ou de empresas auxiliares, preguntan como é posible que se nos queira contentar asegurándonos que é imposible que teñamos un contaxio a raíz das medidas de control que se aplican no porto de carga en Guinea. O persoal de ALCOA non comprende por que non se fai un control mínimo da temperatura dos tripulantes antes de pisar o porto e, a ser posible, seguir facendo un control durante a súa instancia en San Cibrao, polo menos dos barcos que proceden dun país, que xa se encontra desbordado polos miles de casos que ten de infección do ébola. Que unha simple declaración do capitán indicando que non ten a ninguén enfermo no barco sexa suficiente para permitir o tránsito da tripulación polos pobos da costa lucense.

Infórmasenos que a partir dos 37,7º C unha persoa pode estar a dar síntomas de estar a desenvolver a enfermidade, polo tanto un tripulante pode estar a desembarcar e mesturándose co persoal de terra e ninguén sospeitar do risco. Ter equipos está ben pero é moito mellor non os ter que utilizar e para iso é mellor minimizar o risco realizando un bo control médico por un especialista. Pedimos a Seguridade Marítima que esixa uns protocolos máis estritos xa que os actuais son de ámbito xeral para enfermidades tropicais e o ébola é algo máis serio porque xa temos miles de casos en África e xa se empeza a temer un posible éxodo da poboación a países de Europa, non sería a primeira vez que aparece un polisón no noso porto de ALCOA en San Cibrao.

Os traballadores do porto tamén comentan que agora apenas se ve a Garda Civil realizando os seus controis propios de alfándega ou similar, en contra do que era habitual en meses anteriores, e nos preguntamos: Tamén eles considerarán arriscado andar polo porto na situación actual?, non sería estraño dadas as circunstancias.

Jose Manuel Piñar
Representante do Sindicato CSI-F no Comité de Empresa e traballador do Puerto de Alcoa en San Cibrao.

Exit mobile version